O Arquivo Histórico da USC custodia os expedientes disciplinarios que recuperaron a historia das mestras
06 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Alí, entre sete mil metros de documentación, canda outras miles de historias, durmía a memoria de dúas mulleres que se adiantaron un século. Que desafiaron unha época. A Elisa e Marcela espertounas unha tarde de 1993 no Arquivo Histórico da Universidade de Santiago Narciso de Gabriel, o investigador que atopou a febra do novelo do que había acabar tirando tamén Isabel Coixet na película baseada no libro de Gabriel Fernández. Un fío —dous, en realidade— que onte saíron dos cartafoles para botar a arrolar de novo o novelo.
Os dous expedientes disciplinarios que se abriron a Marcela Gracia Ibeas presidiron a conferencia de Narciso de Gabriel e Désirée Domínguez, directora do Arquivo, sobre a historia dun matrimonio sen home, como titulaba daquela La Voz de Galicia. Un acto que é de xustiza, porque «toda a investigación, de 15 anos, e o libro no que se baseou a película, partiu de aquí», explica a directora. «O primeiro é de 1893 e instrúese pola Xunta Provincial de Instrución Pública, que comunica ao reitor que Marcela se ausentou da súa praza durante un tempo». Marcela contaba co beneplácito do reitor e con licenza porque se presentaba a oposicións. «Houbo varias idas e voltas con Marcela facendo alegacións, pero a inspección non o considerou probado e concluíu que debía ser sancionada».
O segundo expediente disciplinario é o do ano 1901 e abriuse como consecuencia do seu casamento con Elisa. «Instrúese a partir da saída noticia en La Voz de Galicia do 22 de xuño de 1901» e nel pode lerse que «en vista de las graves manifestaciones hechas por la prensa local» había que iniciar actuacións contra Marcela. O exemplar orixinal tamén se garda no Arquivo da USC. A denuncia do segundo expediente viña do alcalde de Vimianzo, alentado polo cura-párroco de Dumbría e pola comunidade de veciños. «Neste caso, aplicóuselle o artigo 171 da Lei de Instrución Pública de 1857», a primeira gran lei de educación en España, vixente ata 1970 e que regulou a creación da Escola de Mestras. Marcela foi suspendida do posto e tamén da metade do seu soldo, porque a outra metade había dedicarse a pagar a súa substituta.
Os expedientes adoitaban abrirse sobre todo por ausencia do posto de traballo. A apertura comunicábase ao reitor, que era a cabeza do sistema educativo e por iso a documentación da historia da educación en Galicia se garda no Arquivo da USC. Quen impoñía as sancións era o Consello da Universidade, e podían ir dende o traslado ata a remoción do posto.
As mulleres, sen inscrición libre na universidade ata 1910
«Era tan inconcibible que unha muller quixera aspirar á educación superior que non aparece regulado na lexislación». Así que como non había nada, as autoridades non podían opoñerse a que as mulleres foran a clase. Désirée Domínguez fixo un repaso polas circunstancias sociais e históricas daqueles anos. Sábese que cara a 1888 había dez mulleres en cursos universitarios en España. Para acceder ás clases eran as últimas en entrar e sentaban a carón do profesor. «Resulta que tiñan expedientes académicos brillantes e puñan en evidencia aos compañeiros que tiñan peores notas», explica a directora do Arquivo Histórico da USC. E unha vez licenciadas, non podían exercer, agás nas profesións que se consideraban adecuadas: medicina feminina, infantil ou farmacia.
Foi en 1910 cando se permitiu ás mulleres a matrícula libre na universidade. Emilia Pardo Bazán foi a primeira catedrática en España en 1916 «e contou co voto en contra de todo o claustro da Universidad Central de Madrid. Creo que é bastante significativo». A propia Pardo Bazán estaba fascinada coa historia de Elisa e Marcela. No seu artigo Sobre ascuas di «que nunca sería capaz de imaxinar unha historia como a que desenvolveron Elisa e Marcela».
En 1858 a Lei Moyano permitiu crear as escolas de mestras, 20 anos despois de existiren as masculinas. «Esa era a única saída profesional con determinada formación para as mulleres, xunto coa de comadroa, por exemplo». En 1865 creouse a Escola Normal da Coruña, onde se coñeceron Elisa e Marcela. Ademais, a ruralización facía que houbera máis escolas mixtas, onde se prefería ás mestras porque podían ensinar ás nenas os labores. Por iso Elisa e sobre todo Marcela, coa carreira máis activa, puideron optar a estas prazas.