Xosé Manuel Sarille reúne os seus artigos feministas en «A causa das mulleres»
CULTURA
Recompila un cento de textos publicados entre os anos 2004 e 2019
07 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.«O feminismo, os valores femininos, masculinos e algúns máis, convencionalmente moi próximos, son temas recorrentes da miña actividade xornalística», escribe Xosé Manuel Sarille (Lugo, 1956) na introdución a A causa das mulleres (Candeia), un volume que recolle un cento deses artigos feministas, escolmados dos textos que escribiu entre o 2004 e o 2019 en diversos medios. Uns contidos e reflexións que seguen a ser pertinentes, arredor dunha causa que o autor relaciona co avance social: «O feminismo analiza, cuestiona e reformula o xeito de relacionarse, de amarse, de vivir. Afortunadamente é así», escribe. E unha causa que non deixa indiferente, como cidadán e tamén como articulista: «Como non me vai interesar algo que atinxe de xeito directo á metade da poboación do mundo?», pregúntase.
Neses textos abórdase a causa das mulleres, como xa deixa claro o título, en toda a súa diversidade, dende unha ollada que combina o local co universal, dende Galicia a Afganistán ou Brasil, así como o histórico e o máis apegado á actualidade. Pero, se hai un tema recorrente, ese é o da prostitución e a trata de mulleres. «A trata, a explotación, está na cerna da prostitución, que se basea no comercio de mulleres», denuncia Sarille, quen cre que moitas veces é unha cuestión que non se aborda en toda a súa complexidade porque interfire «un problema de clase social», algo que tamén acontece, observa, coa inmigración ilegal.
Neses dous decenios de xornalismo xurdiron noticias ou situacións que actúan a xeito de fitos para analizar a marcha da reivindicación dunha igualdade plena. E a escolma de textos tamén serve para botar a ollada atrás e observar temas ou áreas nas que se viviron acontecementos decisivos: dende o movemento MeToo ao pulo do deporte feminino, dende a sentencia da Manada ao caso Weinstein. Aí están artigos, por exemplo, como o titulado Piraguas, escrito a partir da negativa a que unha parella mixta puidese inscribirse como K-2 nunha competición oficial. Ou a súa achega a Elisa e Marcela, antes de que a película de Isabel Coixet popularizase e espallase a súa historia.
Sarille, consciente da complexidade dos asuntos que aborda nos artigos, non refuga de cuestións como poden ser as denuncias falsas por maltrato, que prexudican ás vítimas directas e ás que sofren a violencia, aínda que sen esquecer que «iso non debe agochar que o verdadeiro drama, no que cómpre actuar, é a evidencia de que moitas mulleres padecen esa violencia», matiza.