Flor Maceiras recibirá o galardón de honra Marisa Soto na 24.ª edición dos María Casares
CULTURA

O premio quere recoñecer o labor dunha actriz e docente cuxa traxectoria se pode definir polo «seu amor incontestable pola escena», enxalza a Asociación de Actores de Galicia
10 mar 2020 . Actualizado a las 20:01 h.A directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) acordou concederlle á actriz, directora e docente teatral Flor Maceiras (A Coruña, 1964) o galardón de honra Marisa Soto, que será entregado durante a gala dos premios de teatro María Casares, que na súa 24.ª edición celebrarase no coruñés Teatro Rosalía Castro o xoves 26 de marzo organizada polo citado colectivo.
O premio quere recoñecer o labor dunha actriz e docente cuxa traxectoria se pode definir polo «seu amor incontestable pola escena». Un amor, sinala a AAAG, que lle inculcou Manuel Lourenzo e que ela lle transmite ás novas xeracións dende a Escola Municipal de Narón. Como actriz, ademais, traballou ao longo das décadas con compañías como Elsinor Teatro, Teatro do Noroeste, Teatro do Atlántico, Teatro Proscrito, Teatro Maltés ou o CDG.