O de onte foi para min un día de profunda dor porque morreu un amigo de toda a vida. Non hai moito que o vin por última vez, o 13 de marzo. Franco Grande estaba enfermo e debía intuír que lle quedaba pouca vida. Chamoume porque quería trasladarse a Santiago para xantar con Antón Santamarina e comigo. Foi a despedida, pois xa non puiden ir a Vigo para parolar con el. Fixémolo en Santiago ese día, moitas horas, e démoslle un repaso ás nosas vivencias temporais. Mesmo tivemos tempo para que el se fose despedir do Paseo da Ferradura e puidese dar unha volta por toda a Alameda como fixemos moitas veces de estudantes. Despedímonos xa pola tardiña e marchou contento. Desde entón falei con el varias veces por teléfono ata que foi perdendo as forzas e un día foi a súa filla Navia a que me contestou. Ela e súa irmá Rosalía coidárono dunha maneira admirable.
Foi no comezo do curso 1955/56 cando o coñecín. Desde os primeiros días entrei en contacto con el e con outros moitos estudantes, como Beiras, Ferrín, Mourullo ou López Nogueira, con outros intelectuais e cos mestres do galeguismo. Con Otero Pedrayo asistiamos ás tertulias do Café Español, pero tamén andabamos de troula pola cidade e participabamos nas Festas Minervais e os poemas de Franco Grande sempre eran premiados, varias veces co primeiro premio, que recollía no Hostal vestido de etiqueta. Naqueles anos tamén foi importante o ciclo de conferencias no Círculo Mercantil de Santiago, onde el falou sobre Manuel Antonio.
Franco Grande era un mozo alto, forte, cun coidado bigote e cunha gran formación, pois coñecía a moitos autores da cultura europea máis actual e era un gran admirador do filósofo Kierkegaard. Alén das lecturas literarias e filosóficas soubo estudar brillantemente a carreira de Dereito. A miña amizade con el durou ata a súa morte. Ou ben preto ou ben na distancia fun seguindo a súa traxectoria, pois sempre me interesou como poeta, investigador, analista político ou recolector de palabras para o Dicionario que publicou.
Cando estabamos na Universidade entusiasmounos a aparición da súa obra de teatro Vieiro choído, así como anos despois o seu primeiro libro de poemas Entre o si e o non, ó que foron seguindo outros, e máis tarde Os anos escuros, que relata a nosa vida de estudantes e acontecementos posteriores. En Xoguetes do tempo di: «Sabes moi ben que quedan poucos chanzos». El xa pasou o «chanzo derradeiro», pero queda na memoria de todos.
Ramón Lorenzo é académico da RAG