Cadrou que a saída do décimo noveno traballo de Luar na Lubre viuse afectada de cheo polo confinamento. O estado de alarma decretado polo Goberno limita enormemente moitos movementos, protocolos e rutinas previos á saída dun novo traballo discográfico. Todo ou case todo foi parado ou adiado ata que comezase o camiño a esa chamada nova normalidade, na que, cincuenta días despois, parece que imos entrar. E digo case todo porque, a pesar deste fatídico contratempo, puidemos presentar dous temas deste novo traballo que se chama Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, e tamén puiden facer unha chea de entrevistas para diferentes medios de comunicación informando da temática e composición do mesmo.
Unha das preguntas recorrentes, á parte das propias centradas no traballo, era a de como levaba eu o confinamento. Supoño que ten lóxica e sentido que ma fixeran polo raro da situación, e por promover un novo disco nestas circunstancias. E debo dicir que o confinamento lévoo ben, dentro da tristura de estar nun escenario inverosímil, con algo tan inesperado e anómalo implantado con semellante rapidez. Aquí amósase o vulnerables que somos, e quedan ben ás claras as carencias e limitacións desta sociedade na que vivimos. Nun caso coma este, vivir nunha casa de campo cun terreo é un privilexio que é bo aproveitar. Dende a miña galería miro como reverdece o val nesta estraña primavera. Na contorna predominan as árbores autóctonas, que achegan matices e unha riqueza cromática extraordinaria, e ao fondo vexo o mar. Gozo disto dun xeito incríbel, ao tempo que non deixo de pensar na volta á nova realidade, que será, ben seguro, diferente ao que tiñamos antes do todo isto. Sobre todo no meu sector profesional, o da música en directo, desenvolvida habitualmente en teatros que, de momento, seguen pechados, e en festivais que, día a día, están sendo adiados ou suspendidos.
Veremos como imos indo e como se lle dá saída a este preocupante momento conforme ás pautas que se están a establecer. Realmente é complicado e inquietante. Agardaremos a vernos nesa nova normalidade para actuar consecuentemente.