Volver a clase co manual de Carvalho

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

FERNANDO BELLAS

Reedítase en versión facsimilar a súa «Historia da literatura galega contemporánea»

06 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1963 coincidiron dous fitos para o galego que, nun contexto por tanto que facer pola lingua e a cultura propias, resoaron forte e proxectaron un eco cara ao futuro que aínda hoxe mantén viva a súa influencia. Ese ano celebrouse por vez primeira o Día das Letras Galegas e saía do prelo a Historia da literatura galega contemporánea (Galaxia) de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago, 1990). Neste 2020 que a conmemoración impulsada pola Real Academia Galega honra a figura e a obra de Carvalho, reedítase o voluminoso -case 900 páxinas- tomo, centrado na literatura en galego escrita no século XIX e o que daquela se levaba vivido do XX -o derradeiro escritor en ser analizado polo miúdo é Cunqueiro-.

«A aparición da monumental Historia da literatura contemporánea supuxo a canonización da propia literatura galega contemporánea e do mesmo autor como seu principal estudoso», reflexiona o poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer, amigo persoal e bo coñecedor da obra de Carvalho. Unha obra que pola súa formulación e perspectiva científicas mantén un valor que supera o historicista e segue a ter relevancia neste novo século. «Aínda hoxe segue sendo un exemplo de comprometida entrega ao estudo e de sabia erudición con rigor, independentemente de calquera diferenza metodolóxica ou ideolóxica», engade Rodríguez Fer.

«A aparición da monumental Historia da literatura contemporánea supuxo a canonización da propia literatura galega contemporánea e do mesmo autor como seu principal estudoso»

En 1963 a situación legal e a consideración social do galego eran distintas ás da actualidade. Na súa introdución, tras relatar que o libro é froito do encargo que lle fixera Ramón Piñeiro un decenio antes, Carvalho Calero expón que o criterio para definir unha literatura non é outro que o idioma e que, malia haberen autores galegos que conseguen expresar o espírito do país en obras en castelán, o criterio filolóxico obriga a considerar como literatura galega a escrita neste idioma. O escritor e profesor non deixa de aludir ao contexto sociolóxico bilingüe e como hai capas da poboación que ven no galego atraso e modernización no castelán; faino cunha frase tan certeira como chea de retranca: «Confunden a cultura coa administración».

Carvalho Calero expón o criterio para definir unha literatura: o idiomaPara Carmen Blanco, especialista tamén na obra de Carvalho, a aparición deste libro «tivo unha transcendencia máxima no panorama galego e no universal, desde o punto de vista científico, histórico, cultural e literario». «Situou os estudos da literatura galega feitos na propia lingua galega á altura dos mellores estudos de historia e crítica da literatura universal, xeral e comparada; deu a coñecer no seu contexto a creación dun período histórico fundamental de Galicia e fixo unha achega importante ao ensaio científico en lingua galega», enumera.

Para Blanco, esta Historia é de lectura «imprescindible» non só como manual de consulta para quen ame Galicia e as súas letras -«A literatura trata da vida e nela está a vida de Galicia», di-, senón por «pracer estético ou por interese ideolóxico». «Hai páxinas magníficas nestes dous sentidos, como a excelente prosa dedicada ao estilo fluvial de Ramón Otero Pedrayo ou á poeta analfabeta oral Nicolasa Añón, irmá do poeta do Rexurdimento Francisco Añón, a nosa real Judith Shakespeare imaxinada por Virginia Woolf para explicar que unha irmá deste clásico inglés nunca tería sido William Shakespeare debido aos obstáculos sociais que mantiñan á maioría das mulleres no analfabetismo, a ignorancia e a dependencia», afirma Blanco.

Testemuños da violenta represión dos estudantes da Universidade de Santiago

«Hora é xa de que se eleve a nosa voz, e de que se lles responda. Pero non faremos outra cousa, en canto sexa posible, senón narrar os feitos», escribiu Carvalho Calero no prólogo de A forza pública na Universidade de Santiago, un libro que publicou en 1987 Ediciós do Castro e que veñen de reeditar Galaxia e o Consorcio de Santiago. O escritor deixaba así constancia da violenta represión sufrida polo movemento estudantil, publicado orixinariamente en 1931. «Sexa o meu relato todo o obxectivo, todo o imparcial, todo o frío que pode ser un relato escrito por un actor na historia que di», declarou Carvalho, no que foi un dos primeiros libros. «Oxalá se lean estas páxinas con claridade de corazón, e a sospeita infame ou o sectarismo vil non turben a mirada de quen as lea», manifestaba.

A pioneira recolleita de contos populares lucenses regresa tamén ás librerías

Tamén en 1963 se publicou por primeira vez o volume Contos populares da provincia de Lugo, recollidos e transcritos polos docentes do Centro de Estudos Fingoi e con prólogo de Carvalho Calero. Galaxia reedita este traballo pioneiro, non só de documentación de literatura de tradición oral, senón que presentou aqueles relatos sistematizados e guiándose por un criterio científico. «Os grandes responsables diso foron Bernardino Graña, que recibiu o encargo de transcribilos, e Valentín Arias, que fora alumno de Pousa Antelo na Granxa Barreiros», cita Xosé Miranda, escritor lugués especialista na literatura popular. «Coñecían os Contos vianeses de Prieto, que á súa vez coñecía a clasificación de Aarne e Thompson, e iso deulle sentido ao seu libro», engade Miranda.

Deste xeito, o volume escolmaba máis de douscentos contos, agrupados por categorías: contos de animais, de santos, de enigmas e adiviñas, de meigas e encantamentos, de xastres, avogados e ladróns, ou de cazadores, entre outros. Fora o resultado dun chamamento da Inspección Provincial de Primeiro Ensino aos mestres para acometer unha urxente tarefa de salvación deste patrimonio folclórico, segundo explica Carvalho Calero no prólogo á primeira edición. «É no epos tradicional onde se manifesta con máis amplitude a alma do pobo», manifestaba.

Temas mitolóxicos

Os mestres recolleron os contos de boca do alumnado e as súas familias, o que achegou información importante non só sobre variantes dialectais da lingua, senón que evidenciou como os galegos reformularan motivos clásicos narrativos que están presentes en culturas de todo o mundo, dende adaptacións de fábulas a temas mitolóxicos.