O castelo de Santa Cruz converteuse onte no Museo Memorial ?Ensambleisaac?
19 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Unha homenaxe para un artista feita cas obras doutros a través do ollar transformado polas ensinanzas do primeiro é, se cabe, a mellor das homenaxes. Isaac Díaz Pardo (1920-2012) inspirou aos seus contemporáneos, así como ás novas xeracións. Oito anos despois do seu pasamento, o castelo de Santa Cruz en Oleiros recolle dende onte unha mostra, de xeito permanente, na súa honra: Ensambleisaac.
«El é toda Galicia», resume Paco Díaz. O pintor que deu a primeira pincelada ao proxecto é incapaz de explicar Ensambleisaac sen regalarlle ao conmemorado as mellores verbas, cunha admiración plena e cun respecto absoluto. A ensamblaxe está presente en cada recuncho da exposición-memorial. Non só como representación da multidisciplinariedade do autor, senón tamén como símbolo da unión dos galegos, a quen dedicou arte e vida.
A cerámica debía cobrar un sentido especial no memorial tratándose de Díaz Pardo, quen no 1949 fíxose cargo da dirección da Fábrica de Cerámicas O Castro, en Sada, e traballou por recuperar Sargadelos. Por ese motivo, a peza máis salientable da mostra é a escultura, homónima á exposición, Ensambleisaac. Un monumento baseado nun deseño do propio autor, feito a través da ensamblaxe de «catorce pezas sen aparente valor material». Cada fragmento reflicte as técnicas de cada casa e de cada época: «A cerámica galega dende o neolítico até hoxe, como síntese da faceta ceramística de Díaz Pardo», sintetiza o comisario.
«O proxecto abarca unha conxunción conceptual das obras individuais aportadas dende os mundos diversos da cerámica, a literatura, as artes plásticas e a música, como facetas imprescindibles para construír a síntese da figura do mestre», explica.
Foron moitísimas as persoas que quixeron participar, sobre todo do ámbito literario. De Esambleisaac xurdiu un libro que, segundo Díaz, «nace con fachendosa pretensión de obra de arte en si mesmo». A publicación recolle tamén tódalas disciplinas, contando cas crónicas dos obradoiros de cerámica de Carlos Vázquez, unha reportaxe fotográfica de Lila Díaz, un conxunto de obras plásticas chamado A Cor, O Limiar da recentemente falecida Luz Pozo Garza, e A Palabra, na que traballaron máis de trinta escritoras e escritores galegos cunha «achega do alén do mar, desde o Centro Galego de Bos Aires, a outra Galicia, na diáspora».
Tamén hai unha peza musical, que conecta Negra Sombra, de Rosalía de Castro, e Lela, de Castelao, cun arranxo de Juan Durán. Este himno soou por primeira vez na tarde de onte, na estrea, á que acudiron persoeiros do mundo da política e da cultura galega. Entre eles, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes. Un acto no que, como sinalou Paco Díaz «ata a etiqueta do viño xira entorno a Isaac» -as botellas levaban un deseño especial-, e a partir do cal o castelo de Santa Cruz funcionará como espazo no que tódalas xeracións, actuais e vindeiras, poidan achegarse á figura dun referente da historia artística de Galicia.