Dous espías na Galicia da Segunda Guerra Mundial

Alberto Varela recrea no cómic «Wolfram» varios episodios reais da contenda

Un detalle da presenza de Castelao en «Wolfram»
Un detalle da presenza de Castelao en «Wolfram»

redacción / la voz

Malia non participar directamente na Segunda Guerra Mundial, Galicia foi escenario de diversos episodios importantes para a contenda: o abastecemento de volframio, torres de radio e submarinos fronte as costas... por non falar da espionaxe. «Parece claro que houbo moita actividade dos servizos secretos alemáns e británicos en Galicia», explica Alberto Varela (Carballo, 1963), quen vén de recrear varias destas historias no cómic Wolfram (Xerais), que naceu inicialmente da súa fascinación polas «cicatrices» que a extracción do volframio deixou na mina de Monte Neme e que foi o camiño para abordar dende a ficción «un conflito transcendental na historia do século XX».

Alberto Varela escolle como fío condutor a unha parella de espías aliados destinados en Galicia, baseados en dous supostos axentes reais, «un tal Buchanan, directivo de The Anglo South American Bank, que estivo no Cantón Pequeno da Coruña, e Rose Marie Douglas, unha estudante inglesa ou irlandesa en Santiago». Estas figuras son a base, cos nomes cambiados, dos protagonistas do cómic, que o autor concibiu «como unha obra de ficción baseada en feitos reais». «Sendo espías aliados que chegan a territorio “inimigo”, coido que dá unha visión máis global do relato, e permite contar as cousas con certa distancia e pequenas vantaxes narrativas», explica. Unha delas é o seguimento que a espía fai de Castelao nunha viaxe por Estados Unidos a prol da causa republicana, unha vixilancia que no cómic o intelectual galeguista resolve co humor e a retranca que se lle supón. Ademais, Varela puido botar «un pouco de luz nunha situación moi escura e terrible, con moita represión e fame, como era a da posguerra civil, que eles ven desde fóra».

Wolfram achega ao xénero de aventuras un capítulo da historia de Galicia, como xa fixera Varela en Ulf de Jakobsland, que se remontaba aos tempos dos viquingos. «Hai multitude de historias pouco coñecidas nas que a banda deseñada pode xogar un papel importante como divulgadora», reflexiona o guionista e debuxante. «A pesar da poderosa competencia mediática que soporta o libro en papel, penso que hai interese polo formato, que pode ser unha magnífica iniciación á lectura e promover o interese pola cultura nas novas xeracións, ademais de ser un xénero moi divertido para todo tipo de públicos», engade. Ese elemento aventureiro queda remarcado por un certo aire ao cómic de liña clara, co que Varela tomou contacto na Barcelona dos anos 80. «Non pretendo emular a ninguén, senón procurar homenaxear o tipo de cómic que a min me divertía ler, historias de viaxe e aventuras, cun debuxo sinxelo pero preciso, de forte carácter gráfico e tintas planas, como era tamén o debuxo de cómic dos anos 30 e 40», explica.

Hai tamén unha certa morriña polo urbanismo galego anterior á guerra, con estéticas modernistas e art-decó, granito e galerías de madeira, tranvías... «Desgraciadamente, non o soubemos conservar, tampouco na nosa paisaxe», evoca Varela. «Poderiamos dicir que a Galicia posguerras perdeu identidade e caemos no feísmo urbano e rural, coma se as bombas efectivamente arrasaran con todo», conclúe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Dous espías na Galicia da Segunda Guerra Mundial