Calor

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Rematando o mes de xullo deste inesquecible ano 2020 miro o termómetro que me guía na habitual medición da temperatura exterior da casa e marca 22 graos. Ese mesmo termómetro dime que no interior temos 24, dous máis do que marca fóra. Coa miña ventá entreaberta sinto unha brisa que se agradece e axuda ao meu benestar. Namentres, no resto da península e ata noutras áreas da propia xeografía galega, andan con temperaturas que eu considero moi duras de soportar. Teño amigos e coñecidos adoecendo e padecendo semellante calor abafante, máis aínda se cabe, coa obrigatoria máscara que temos e debemos levar en todo momento.

A herba está seca por aquí e todo precisa ser regado para que este tempo non faga estragos nas colleitas. Mais na realidade non hai nada novo; dende que eu lembro, sempre foi así. O peor é ter que pasar un ano coma este, tan diferente, no que todo parece máis molesto e distinto porque igual reparamos máis neses detalles que habitualmente nin percibiríamos nin terían maior importancia.

No pobo onde naceu miña nai, Niñodaguia, ás beiras dos canóns do río Sil na Ribeira Sacra ourensá, a calor neste tempo é abafante, aínda que non tanto como o que pode facer na propia capital da provincia ou en moitos outros lugares da mesma. É unha calor intensa, con temperaturas ás que hai que estar ben acostumado e moitas veces, nin con esas, sobre todo nas noites. Alí pasei parte dos veráns da miña infancia e adolescencia e sei do que falo, sobre todo cando había que traballar. Lembro aquelas xornadas de maquinaría agrícola escasa e rudimentaria, cando tocaba ir apañar as patacas, virar a herba ou facer calquera outra labor baixo o sol abrasador.

Así e todo compadezo á xente que teña que sufrir estas altas temperaturas aínda que tamén hai a quen lle gustan, pero o sol pode ser tremendamente duro. Así que aínda tendo as miñas raíces nas fermosas terras do sur galego e querendo moitísimo aquilo, eu son máis de temperaturas lenes, como os 22 ou 24 grados que marca o meu termómetro neste final de xullo dun inesquecible ano 2020. A gozar!