La UE ofrece aranceles «cero por cero» a Estados Unidos

O OUFF -Festival de Cine Internacional de Ourense- outórgalle ao director Dani de la Torre o premio Ourense na 25.ª edición do certame, en recoñecemento ao seu labor dentro no mundo da sétima arte. O galardón, un dos máis importantes do festival, concédese a un profesional que teña destacado no seu traballo audiovisual, non necesariamente pola traxectoria de toda unha vida, senón por algún aspecto concreto que o faga único. Sucede ao realizador ourensán Norberto López Amado -no 2017 recaeu no actor lugués Luís Tosar-. Ao longo da historia do certame recibírono persoeiros como Imanol Arias, José Sacristán, Emilio Martínez-Lázaro ou Enrique Urbizu.
O director monfortino é merecedor do galardón -considera o OUFF- «pola polivalencia e transversalidade da súa traxectoria profesional, ao ter creado curtametraxes, tv movies, longametraxes e series de ficción, ata estar considerado un dos novos valores xa consolidados no actual panorama audiovisual español. Engádese igualmente que o premio, polo seu nome e pola significancia, recae nesta edición nun autor emocionalmente vinculado a Ourense por terse formado en imaxe e son na Escola de Cine de Bemposta e tamén por terse formado como espectador nas salas da cidade durante o seu tempo de estudante».
De la Torre naceu en Monforte. No seus comezos, no 2004, filmou as curtas Minas e Lobos, polo que recibiu o premio do público no OUFF, e no 2006 Bos días. No 2010 dirixiu e coescribiu a miniserie Mar libre. No 2015 deu o gran salto coa súa primeira longametraxe, El desconocido, cun guión de Alberto Marini e que contou con Luís Tosar e Javier Gutiérrez e foi rodada na Coruña. O filme levou doce Mestre Mateo e dous Goya. Dirixiu La sombra de la ley, con guión de Patxi Amezcua e protagonizada de novo por Tosar; gañou tres Goya e dez Mestre Mateo.
Filmou a serie La unidad para Movistar. E na actualidade está a rodar en localizacións de Lugo e Ourense a súa nova película, Live is life, baseada nun guión do escritor Albert Espinosa. A súa estrea está prevista para o 2021.