José Luis Cuerda, fillo adoptivo de Ourense

O festival de cine OUFF, na súa edición número 25, e a deputación provincial renderanlle homenaxe ao director manchego

José Luis Cuerda, con Maribel Verdú, en Ourense, no 2007, durante a rodaxe de «Los girasoles ciegos»
José Luis Cuerda, con Maribel Verdú, en Ourense, no 2007, durante a rodaxe de «Los girasoles ciegos»

Redacción / La Voz

O cineasta José Luis Cuerda, falecido no pasado mes de febreiro cando tiña 72 anos, será homenaxeado na 25.ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), «un xusto recoñecemento, que ten a súa razón de ser na gran vinculación que o director tiña co certame e con Ourense», lembraba este martes Manuel Baltar, o presidente da Deputación, quen -acompañado de Elena Cuerda, filla do autor- visitou a adega que o realizador tiña en Cubilledo (Leiro), unha casa «onde ficou e se fortaleceu a relación de José Luis Cuerda con Ourense, ademais do compromiso empresarial, por medio dos seus viños, no corazón do Ribeiro».

O cineasta terá así un papel protagonista nos 25 anos que cumpre o OUFF, pero a cousa non queda aí: tamén se tramita un expediente para o seu nomeamento como fillo adoptivo da provincia, algo que aprobará a corporación provincial para a entrega deste recoñecemento nun acto solemne. «Cuerda é Ourense e Ourense é Cuerda», proclamou Baltar.

Unha das actividades enmarcadas neste tributo será a proxección dos filmes máis ourensáns do autor manchego: A lingua das bolboretas e Los girasoles ciegos.

O director, un namorado de Ourense, mercara unha casa e dedicouse ao coidado de viñedos na comarca do Ribeiro, fundando a súa propia adega en Leiro. Ademais, estivo moi vencellado coa cidade grazas ao festival de cine: en 1997 recibiu a que foi a segunda Calpurnia de Honra do OUFF, e no 2002 foi presidente do xurado internacional do certame.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

José Luis Cuerda, fillo adoptivo de Ourense