Cunqueiráns

CULTURA

19 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moitos cunqueiráns ou seguidores cualificados de Álvaro Cunqueiro. De feito, estamos ante unha realidade literaria abraiante e asombrosa, que alumea moitas maneiras de ser un lector devoto do noso gran escritor. Dito noutras palabras, hai moitos xeitos de ser un entregado admirador do noso imaxinativo autor, como teñen ben demostrado os seus incondicionais, entre os que é obrigado citar ós moi cualificados Pere Gimferrer (que o homenaxeou na Real Academia Española no centenario do nacemento do mindoniense), Francisco Umbral (que o definiu coma un escritor sen antecedentes nin descendentes e ó que puxo por riba dos nomes maiores do boom latinoamericano), Elena Quiroga (que lle dedicou o seu discurso de ingreso na Real Academia Española en 1984 e que o situou á par do gran narrador mexicano Juan Rulfo e por riba de moitos outros dos imprescindibles).

Curiosamente, o prudente e sabio Gimferrer foi quizais o máis contundente de todos á hora de afirmar que Cunqueiro «non se parece en absoluto ós escritores cos que o queren relacionar. Nin a Italo Calvino. Nin a Jorge Luis Borges. Nin a Bioy Casares. Nin a Mujica Láinez. Nin sequera ó noso Juan Perucho. Cunqueiro é outra cousa».

É de reseñar que estas devocións maiúsculas non conseguiron derribar aínda as reticencias dalgúns críticos que se perden no universo do de Mondoñedo, quizais porque todo o que lles parece simple nas súas páxinas non o é case nunca. Os mundos máxicos de Cunqueiro teñen, paradoxalmente, moita realidade enguedellada nas súas construcións literarias, nas súas imaxes e sobre todo nos seus propios personaxes.

Neste sentido, escritores coma Ramón María del Valle-Inclán, Gonzalo Torrente Ballester, Eduardo Blanco Amor, Camilo José Cela, Francisco Umbral, Manuel Rivas, Luis Mateo Díez, José María Merino e os latinoamericanos Alejo Carpentier, Miguel Ángel Asturias e tamén Gabriel García Márquez (co que compartiu xantar e conversas en Barcelona) teñen moito que sumar nunha liña de aproximación a un mellor entendemento da obra do gran escritor galego. Pero sempre sen deixar de considerala extremadamente singular e creativa.