Retrospección

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

20 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacín na segunda metade do século XX, no ano 1964, polo tanto xa supero o medio século de vida. Non son dos que se asustan co paso dos anos porque afortunadamente e até o de agora, fun levando bastante ben o avanzar no tempo. Pero é inevitable de cando en vez non facer unha retrospectiva do vivido e todo o que pasou provócame unha certa vertixe.

Lembro o lugar no que me criei e vivín varios anos na Coruña. Era preto da Praza das Conchiñas, con leiras nas que aínda se cultivaba e pequenas casas unifamiliares que empezaban a convivir cos primeiros edificios. Tamén de como a especulación deixou o barrio sen unha soa zona verde en non moito tempo. Lémbrome de ver, con cino anos, nunha daquelas televisións en branco e negro grandes e pesadas como armatostes a chegada do home á lúa mais as caras de incredulidade dos meus pais e avós. De aquel día de maio cando saíndo da escola ao mediodía vimos con espanto a metade do ceo negro debido á traxedia do encallamento, con vertedura e queima, daquel petroleiro Urquiola de mal recordo para nós. E ese só foi o primeiro de varios incluso de consecuencias peores. De como chegou a democracia despois de corenta anos de ditadura coa alegría de estar abrindo un tempo novo cheo de esperanza e non exento de convulsións e ameazas. A aprobación do estatuto e posta en marcha da autonomía de Galicia con todo o que iso supuxo para nós. Tempos nos que a maldita droga levou por diante a moita mocidade incluídos algúns amigos que caeron nesa desgracia e tamén momentos inesquecibles como o nacemento dos meus tres fillos que sen dúbida marcaron a miña vida.

Os tempos viraron moito dende aquel 1964 e máis que virarán porque iso é o paso da vida, cousas malas e cousas boas pasaron e pasarán pero é agradable ter unha boa sensación do xa andado mantendo as ansias de querer mellorar no que queda por diante. Agora tócanos vivir no medio dunha pandemia que nos está dando unha lección de realidade, deixando en claro o que somos con todas as consecuencias e que provoca unha gran incerteza de cara o futuro. Todo seguirá e así é a vida, unha aprendizaxe permanente na que, no meu caso, non deben faltar nin a saúde nin a música.