Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Rosario Álvarez: «Ser solidaria sáeme de dentro»

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

A presidenta do Consello da Cultura confesa que é do Celta, aínda que non lle gusta o fútbol: «Non é necesario para ter adhesións»

20 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Fala cun aire institucional do que non lle resulta doado desprenderse. Pero ás veces o fai. Rosario Álvarez, (Pontevedra, 1952), primeira muller en presidir o Consello da Cultura, ten máis do que mostra. Aínda que non se aprecie á primeira.

-O mundo da cultura, seguramente con razón, non fai máis que queixarse.

-Comprendo que o faga. Nós viñamos detectando que xa a cultura foi moi castigada pola crise do 2008, porque é o onde primeiro se recorta. Cando aínda non comezaba o proceso de recuperación, chega o 2020 así que é unha crise que se suma á crise anterior. Tamén é certo que non todos os sectores da cultura están igual. No confinamento e despois houbo un consumo dixital que superou o que había previamente. Pero outros sectores viron imposibilitado o seu modo de vida: as artes escénicas, a música...

-Outra pregunta triste. Como vai a lingua?

-Non vou negar que hai indicios alarmantes en relación co galego, pero non son pesimista. Está aínda na nosa man posibilitar un futuro mellor para o galego. O máis alarmante é a falta de transmisión en moitas familias e deberíamos ter medios para convencelas de que esa viaxe non leva a bo porto. Pero nos espazos urbanos de toda Galicia vemos que persoas que foron privadas na súa infancia dun uso normal da lingua, volven ao galego. Unha das vías de reflexión deberían ser os dereitos lingüísticos.

-Que quere dicir?

-Os nosos nenos teñen dereito a que as súas familias non lles priven da lingua dos seus antepasados.

-Pero son educados en galego.

-Non. Asisten a clases de lingua galega, que é distinto a que sexan educados en galego.

-Cree que o Consello é coñecido pola xente da rúa?

-Honestamente, creo que non. Incluso dentro do propio mundo da cultura. Ás veces temos que explicar que non somos a Consellería da Cultura, que non formamos parte do Goberno... Estamos dando pasos para abrir o coñecemento do Consello, polo menos no ecosistema cultural.

-Imaxine que ten un orzamento ilimitado. Que faría?

-Non o sei. Creo que non necesitamos iso. Temos un presuposto menor do que tiñamos en 2008, pero tamén é certo que nunca dixemos: «Isto non o podemos facer porque non temos orzamento». Procuramos facer o máximo posible co que temos.

-É vostede a primeira muller en presidir esta institución. Dálle importancia a iso?

-Creo que outros lle dan máis importancia que eu. Pero non lla quito, eh? É importante pola traxectoria que o fixo posible. O Consello foi abrindo camiño dende unha época relativamente temperá, así que a miña presenza como presidenta non me converte nunha extraterrestre. Iso é o importante. E a min preocúpanme tanto ou máis outro tipo de desigualdades. E volvo aos dereitos lingüísticos e aos dereitos culturais. Eu pregúntome ata que punto non se está privando dunha cultura galega e en galego a unha parte da sociedade.

-Como era vostede de pequena?

-Moi guiadiña, ha, ha. Algo tímida, cariñosa e con fortes vínculos afectivos.

-Que pensaba que sería de maior?

-Pintora. Gustábame moito debuxar e durante un tempo acariñei a idea de ser pintora. Nun exercicio de realismo, nin sequera o intentei, ha, ha.

-Que lle fixo interesarse pola filoloxía?

-No meu horizonte inicial non estaba a lingüística, pero no bachillerato superior descubrín o grego que me pareceu apaixonante. Vinme para Santiago a facer Filosofía e Letras. E na carreira revelóuseme a filoloxía como algo apaixonante en si mesmo e, como empezaba o galego, tamén como a realización do meu particular proxecto político, sen estar militando en ningún lado.

-Defínase en catro palabras.

-Uf! Difícil. Diría galega, muller, lingüista... e estou dubidando entre outras dúas.

-Pois use cinco.

-Comprometida e solidaria. Ser solidaria me sae de dentro. E comprometida non só política ou socialmente, senón tamén coas persoas que me rodean e as que me rodearon.

-Defina Galicia.

-Hai moitas Galicias. Pero diría que é un territorio relativamente pequeno colocado nunha fachada atlántica, habitado dende a noite dos tempos por unha comunidade que se foi formando de aportes moi diferentes e constituíndo unha cultura propia que se move entre unha raíz profundamente agraria e mariñeira e unido a Europa por un enorme carreiro cultural e unido por tódolos camiños do mar con todos os océanos do mundo.

-Desconecta ben do traballo?

-Si.

-E que fai no tempo libre?

-Gústame andar, moito. Ler, sobre todo novela. Tamén gozar da miña horta, do meu xardín. E ver a tele.

-Recoméndeme unha serie.

-Unorthodox.

-Celta ou Dépor?

-Home, Celta!

-Pensei que me ía dicir que non lle gustaba o fútbol.

-E non me gusta para nada, ha, ha. Pero nesto do fútbol non fai falta saber. Son adhesións emocionais. Non vexo xamais un partido, pero iso non quere dicir que non teña adhesións.

-Sendo de Pontevedra, gustaranllle os touros.

-Non, por favor, ha, ha. Aínda que nunca fun á praza, teño o recordo de ir todos a ver a saída da praza. Era un espectáculo. E dende logo, menos sanguento que os propios touros.

-Que tal se defende na cociña?

-Pois non me defendía mal, pero teño un marido que cociña de marabilla e que se encarga de absolutamente toda a cociña. Por iso digo que son afortunada.

-Cal é a palabra máis fermosa do galego?

-Non sei se é a máis fermosa, pero a min gústame gurrupío. En Pontevedra é este muíño que se lle compra aos nenos nas festas. Evócame a infancia máis feliz. Eu fun una nena feliz.

-Vostede escribiu varias obras técnicas. Nunca o fixo polo pracer da creación, da ficción?

-Non, pero é algo que non desboto. Hai moi bos novelistas en galego así que poderíamos dicir aquilo de zapateiro aos teus zapatos. Aínda que xogar coa idea de que iso sería posible tamén ten o seu atractivo.

-Que fai mal?

-Cantar, por exemplo. Encantaríame cantar ben. Nunca toquei ningún instrumento, pero envexo aos que teñen esas habilidades.

-Gustaralle bailar.

-Si, tamén, aínda que non o fago ben.

-Dígame unha canción.

-Lágrima, de Amalia Rodrígues e antes Dulce Pontes.

-Que é o máis importante na vida?

-O amor, en termos amplos. Amor pola túa parella, a túa familia, as cousas que te rodean, o traballo que fas, o país, a cultura... Sen iso para que che vale a saúde?