Unha das afirmacións máis coñecidas e aceptadas do mestre Castelao é que somos galegxs por obra e graza da lingua. Porén, o que hoxe vivimos a respecto do noso futuro como comunidade identitaria difire moito, para peor, da que el puido chegar a imaxinar para esta xeración. O noso idioma agoniza e resiste a duras penas a consecuencia dun goberno que comezou en 1936 e aínda non rematou, perpetuador dun autoodio que se agudiza e que nos leva a asasinarnos.
Hai diferentes perspectivas sobre o lugar que o código ocupa á hora de clasificármonos a nosa produción artística. Para algúns, Valle-Inclán é literatura galega, igual que Russian Red é música española, para outrxs non. En realidade este debate está destinado a non chegar a outra conclusión que a que mellor encaixe no paradigma de cada individuo. Mais, aínda tendo por suposto unha opinión ao respecto, non se entra aquí na pertinencia de erixir condición sine qua non a utilización do noso idioma para que unha obra literaria ou musical sexa considerada «galega», senón na incidencia que a cantidade e calidade da produción artística na nosa lingua ten na esperanza de vida da nosa identidade. E é neste punto onde parece obvio concluír que a produción artística en galego no só achega, senón que é un elemento transcendental. A literatura en galego perpetúanos, a música en galego asómanos ao mundo.
Cando me preguntan cal é a miña opinión sobre a música galega actual, a resposta atende sempre ao factor cuantitativo: pouca. Como consumidora boto en falta máis propostas. Céntrome nos números porque unha resposta sobre a calidade da música galega alimentaría algo que me desagrada e considero inimigo acérrimo de toda lucidez: o localismo. Obviamente é máis difícil cada vez atopar verdade nas artes, e máis se esa arte é tan rendíbel económica e socialmente como o é a música. Pero non é difícil atopala na música galega, é difícil atopala na música en xeral. Galiza forma parte do mundo, dun mundo globalizado que tende por igual á frivolización e á superficialidade. A porcentaxe de obras de calidade dentro de calquera comunidade lingüística é, a día de hoxe, sempre minoritaria.
A pauperización do sector artístico é unha realidade universal, cada vez é máis complexo atopar propostas orixinais. Se asistimos a unha produción humana en cadea, como non imos asistir a unha produción musical en cadea? Está claro que un autómata non pode facer Arte, pero cantos máis individuos se sumen á empresa da creación galega, máis probabilidades teremos de que o número de bos libros ou boas cancións en galego sexa o suficiente como para elevar o nível medio da nosa produción. Para isto, é prioritario botar por terra a falsa idea do idioma como barreira. A miña experiencia convénceme cada día máis de que é a veracidade, a orixinalidade e non outro factor o que se erixe como determinante no «éxito» ou no «fracaso» dunha proposta. Non podemos botarlle a culpa á lingua galega das nosas propias eivas ou falta de talento. É obvio que o galego pode ser un handicap para entrar no universo do mainstream internacional, pero tamén o é de igual maneira o polaco, o francés, o alemán, o danés...e así poderiamos seguir enumerando ducias de linguas non minorizadas e con soporte estatal que gozan de boa saúde no continente europeo. En realidade éo para calquera lingua que non sexa o inglés ou, a moita distancia, o español.
Rammstein vende entradas en todo o planeta cantando en alemán, evidentemente pola súa calidade e autenticidade. Pero é probábel que Rammstein nunca chegase a existir como tal se os seus membros se criasen co discurso de que «co alemán non se vai a ningunha parte» porque só se fala en Alemaña. Ese discurso ha de morrer, simplemente porque ademais de xerarquizador é falso. No caso galego temos que comezar por aí, por partir de principios coherentes e non de falacias baseadas no autoodio.
A produción artística galega pode axudar a revitalizar a nosa identidade, pero existe aquí un proceso de retroalimentación: temos de confiar na nosa identidade como unha igual dentro da diversidade cultural do planeta. Desde o ser galegas en galego pódese chegar ao mundo, sen ningunha dúbida, pero habemos de traballar e elixir os nosos representantes políticos para que algún día naza a xeración que parta desa base. Do contrario, extinguirémonos.