Chegoume, moi pouco antes da pandemia, un exemplar do número 2 da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, co título Xesús Redondo Abuín. Trátase dun folleto de 26 páxinas, ilustrado con fotografías moi pertinentes e debuxos carcerarios de Sara Maneiro e que pode funcionar en centros escolares como manual didáctico. Moi poucas biografías galegas de loitadores antifranquistas son superiores en proeza, dureza e en momentos heroicos á de Redondo Abuín, nado «nunha corte da Devesa» (Rianxo) o 12 de marzo de 1939. De neno serviu «polos bocados» (como diría Valle-Inclán) e de mozote exerceu de zapateiro; aos 18 anos traballou de mineiro en Asturias onde foi un puntal, con 23 anos, das históricas folgas de 1962. En agosto deste ano, comeza o seu periplo de militante clandestino que vai a Francia, Praga e á Unión Soviética, e foi aquí, en Moscova, onde asistiu por primeira vez a un curso de algo, nesta ocasión de marxismo e loita obreira. Singular alumno, pois Abuín, que nacera nunha corte, non sabía, con 24 anos, ler nin escribir. Músico de oído, un camarada fraterno, xa no primeiro trimestre puxérao en condicións de ler os textos das clases e de que «tomara notas con certa maña». Pouco despois, logo de traballar nas minas de Lieja, volve, clandestino, a España, ás Canarias, onde, aos nove meses, foi levado ao penal do Puerto de Santa María, «un penal de exterminio». Nel, a través das reixas, coñeceu «un anxo» chamado Marta, coa que casaría anos despois.
Todo isto -e moito máis- está contado axeitadamente por Xesús Santos, mestre e escritor de quen eu sei que, cando Abuín, tempo despois, foi recluso no cárcere de Segovia, enviáballe libros galegos e unha gramática, alimento que reforzou as súas inquedanzas de poeta en lingua galega, un poeta, onte como hoxe, de notable interese na temática social. Facíase poeta na prisión mentres cursaba o bacharelato, que finalizou. Logo estivo preso de 1968 a 1975.
Se na súa terra os escolares len esta biografía, o mar da Arousa terá para eles unha luz moral insólita. A vida de Xesús Redondo Abuín é unha novela exemplar.