Valle, «un idioma»

CULTURA

03 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Umbral (1932-2007) escribía moi ben, pero non era un tipo afable ou simpático. O primeiro día que estiven cabo del, ante a barra dun bar de Madrid, preto do Estadio Santiago Bernabeu, falamos case sen intercambiar olladas, pero falamos abondo, quizais porque comezamos facéndoo sobre o noso común amigo Manu Leguineche, corresponsal de guerra e xornalista ben prezado. E atinamos tamén ó traer a conto ó seu amigo e defensor Camilo José Cela, ó grande Torrente Ballester e, sobre todo, ó seu reverenciado Ramón María del Valle-Inclán -ó que aprezaba máis por modernista que polos seus esperpentos-. Umbral sostiña que Valle era o máis moderno do seu tempo «porque el tróuxonos a modernidade» e, de certo, víao coma «o único que constituía, por si só, todo un idioma». Tamén aprezaba a Rubén Darío e a Juan Ramón Jiménez, e tiña un sentimento de simpatía por Uxío Novoneyra e Carlos Oroza.

Umbral era un improvisador caprichoso que atinaba a encarnar un personaxe esquivo e á vez atraínte. Alí, arrimado á barra do bar, ofrecía a imaxe dun tipo que non necesitaba de ninguén, coma se el puidese pasar todo o tempo só. Pero o certo era que nunca faltaban seres que se achegaban a el e que o agarimaban e reverenciaban. E el deixábase querer, aínda que sen especiais manifestacións de agrado. Quizais porque non lle gustaba ofrecer a imaxe dun ser dependente ou contemporizador.

É dicir, calquera cousa menos renunciar á súa imaxe de elegancia tintada de displicencia. Porque el tíñase por un intelectual que non se pregaba á curiosidade dos descoñecidos e que era moi capaz de gruñir un desafecto. Mais tiña polos literatos galegos unha querencia explícita, que se extendía sobre todo a Álvaro Cunqueiro. Umbral adoraba ó gran fabulador de Mondoñedo, que se lle figuraba un escritor do boom, coma Rulfo, Borges, Carpentier, García Márquez, etc., aínda que el recease dalgúns.

Porque ás veces Umbral era moi crítico polo gusto de selo e lucirse nun xuizofustrigador. Por isto, os libros que non lle gustaban, acababan flotando na súa piscina. Era a súa forma de ser un triunfador de biografía triste e textos reveladores.