Hoxe é unha ocasión moi gozosa para min presentar Sansueña, publicación ben definida no subtítulo como «Revista de estudios sobre el exilio republicano de 1939». Apareceu o número 1 a fins de 2019 e acaba de saír un primeiro «suplemento», titulado Adolfo Sánchez Vázquez. Filosofía, estética y literatura, que coordinou o profesor Antolín Sánchez Cuervo. Este volume recolle, entre outras colaboracións, os traballos presentados no Coloquio de 2015 na Universidade Autónoma de Barcelona ao que eu asistín cunhas páxinas centradas na relación persoal e intelectual entre o filósofo transterrado (Algeciras, 1915-México, 2011) e Antonio Machado. A Sánchez Vázquez, catedrático de Estética na Universidade de México (UNAM), xa o coñecera nun congreso sobre o exilio na Autónoma de Barcelona, congreso clausurado en Collioure. Xa de volta en Barcelona, á cea, o ilustre profesor, Isaac Díaz Pardo e mais eu conversamos sobre algúns amigos comúns, entre eles Choncha Concheiro e Francisco Comesaña, refuxiados en México case 40 anos. Alí, na UNAM, Sánchez Vázquez foi profesor dos seus fillos, Francisco Javier (+), gran violinista, e Mariángeles, notable poeta naquel país e especialista en Antropoloxía.
Sansueña nace cos mellores agoiros: nace, na Autónoma de Barcelona, da man do catedrático Manuel Aznar Soler, desde hai tempo o maior estudoso, no mundo, do exilio literario español de 1939. Todo se orixinou cando o profesor Aznar Soler creou, en 1993, na Autónoma de Barcelona, GEXEL (Grupo de Estudios del Exilio Literario). Bastantes anos antes, moi novo o fundador, fixéralle a Rafael Dieste, en Rianxo, unha importantísima entrevista. Quizais algo lle debe GEXEL ao entusiasmo e á pericia intelectual do gran Dieste. Desde 2018 codirixe o grupo de estudos, con Aznar Soler, o profesor José Ramón López García, outro eruditísimo exiliólogo. Por se fose pouco, publica a nova revista Abelardo Linares, que rexenta en Sevilla a editorial e a librería Renacimiento, editora que publicou, en coedición con Díaz Pardo (Ediciós do Castro), a Biblioteca del Exilio, uns volumes que son un tesouro bibliográfico.