Verónica Boquete abre unha campaña para conectar o galego coa mocidade
16 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.«Para min, que estou fóra, unha lingua propia ten moito valor. Cando explico que son dun recuncho do norte de España e que temos unha lingua propia, as persoas sorpréndense: para elas é un luxo, é un privilexio ter algo que te faga especial, que te diferencie».
As reflexións de Verónica Boquete inauguran Conseguiremos, unha campaña audiovisual que busca conectar o galego coa mocidade. A futbolista é a primeira en participar nesta iniciativa impulsada pola Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, e que continuará cos músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne, o cineasta Andrés Goteira, as actrices de Panadaría Teatro, a psiquiatra Iria Veiga e o xenetista Ángel Carracedo.
Conseguiremos encerra nunha soa palabra as intencións, a vontade e o entusiasmo da campaña. «Os autores e os protagonistas da serie queren amosar unha maneira de falar a lingua galega, a lingua dos seus pais, mais sobre todo a lingua que eles e elas, as novas xeracións, escollen libremente non só para expresarse e relacionarse, senón para crear, para vivir a contemporaneidade e desenvolverse profesionalmente en calquera área», explicou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
A iniciativa foi desenvolvida por tres estudantes de Comunicación, Paula Quiroga, Lois Alcayde e Meritxell Álvarez, que asumiron as funcións de dirección, guión e produción, respectivamente. Un traballo no que reflectiron aos protagonistas pero tamén a si mesmos. «Atopamos que unha vez que temos eses espellos en que mirarnos vemos que nós tamén temos unha relación especial coa lingua», sostivo Quiroga. «A lingua é unha ferramenta que nos abre ao mundo, pero tamén a nós mesmos», coincidiu Alcayde. Álvarez incidiu na autonomía do idioma e o feito de que non só se circunscribe a un territorio xeográfico determinado. Os universitarios contaron co apoio de tres docentes, Ana Isabel Rodríguez, Gaspar Broullón e Martín Vaz.
Vero Boquete conversou co xornalista e atleta Víctor Pérez Currás, con quen se amosou optimista: «Cada vez a xente recoñece máis o valor de ter unha lingua propia. Somos máis conscientes».