Galaxia publica en aberto os 156 primeiros números de «Grial»

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Portadas dos números 1, 100 e 150 de «Grial»
Portadas dos números 1, 100 e 150 de «Grial» editorial galaxia

Comprende o período que abrangue entre 1963 e o 2002, cando a revista estivo dirixida por Ramón Piñeiro e Fernández del Riego e posteriormente Carlos Casares

15 ene 2021 . Actualizado a las 11:12 h.

Tras unha primeira tentativa en 1951 e 1952, que só conseguiu publicar catro números por mor da censura franquista, en 1963 naceu a revista Grial como un instrumento prioritario no proxecto galeguista posto en marcha pola Editorial Galaxia. Constituíuse entón como un vehículo de difusión cultural e un foro de debate no que participou a comunidade literaria galega, sen deixar de tender pontes con outras linguas e culturas.

Galaxia vén de publicar en aberto, en formato PDF, os primeiros 156 números de Grial. Corresponden ao período que abrangue entre 1963 e o 2002, cando a publicación contou como directores con Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego (os primeiros cen números, ata 1988) e, posteriormente, Carlos Casares (56 números). Xosé Manuel Soutullo, que durante trinta anos foi o secretario de redacción da revista, é o responsable desta tarefa de dixitalización e difusión, así como da elaboración dun índice de colaboradores que facilitará as procuras de textos e autores nestes 156 números.

O presidente de Galaxia, Antón Vidal Andión, acompaña a iniciativa dunha carta na que expón os criterios que guían o espírito de Grial: «Ser vehículo responsable da actividade cultural galega, ser vehículo de incorporación a Galicia da cultura universal, en especial a europea; facer presente fóra de Galicia a cultura galega, contribuír ao prestixio cultural da lingua galega, tanto dentro como fóra de Galicia; e incorporar a mocidade á defensa da cultura galega». Para Vidal Andión, Grial representa un vencello co Seminario de Estudos Galegos, as Irmandades da Fala e a xeración Nós.

Carvalho Calero, Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco, Filgueira Valverde, Blanco Amor, García-Sabell, Teresa Barro e Otero Pedrayo, entre outros, son algúns dos autores cuxos artigos se poden consultar agora de balde na Rede. Galaxia ten previsto completar este proxecto nos vindeiros meses coa publicación dos números que corresponden aos anos entre o 2002 e o 2019, etapa na que Grial estivo dirixida por Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo.