A arte epistolar que cultivaba Luz Pozo Garza

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Dúas mostras da correspondencia de Luz Pozo con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer
Dúas mostras da correspondencia de Luz Pozo con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer

«Unión Libre» recolle a correspondencia da poeta con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer

16 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Co divino río Miño / as camelias de Nadal / e as ledas aves de Aninovo / o cervo e a fonte / e un bico de Luz». Como poeta que era, Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922-A Coruña, 2020) era quen de converter os bos desexos dun ano que remate e outro que comeza en versos fermosos. Versos que acompañaba con debuxos, como o do cervo que citaba e o seu reflexo na auga. Os destinatarios da felicitación, os tamén poetas e profesores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, veñen de dixitalizar e publicar a correspondencia que mantiveron coa escritora e que revela a súa singular arte epistolar.

Fano na revista que impulsan, Unión Libre, e cuxo primeiro número contou precisamente con Luz Pozo como participante na súa presentación na Galería Sargadelos de Lugo. Ao longo de 165 páxinas hai espazo para reproducir as misivas e os sobres da poeta, un material moi visual co que traballou Cristina Fiaño, responsable do deseño. A correspondencia abrangue un abano temporal que vai dende finais da década dos oitenta do século pasado ata pouco antes do falecemento de Luz Pozo, en abril pasado. Vigo e A Coruña son algúns dos lugares onde viviu e dende onde escribía, pero tamén Dublín ou Toulouse.

«Nada mellor poderiamos ofrecerlle en homenaxe que recuperar, no número correspondente ao ano do seu falecemento, as súas xenerosas e agarimosas palabras e os seus vitalistas e coloridos trazos, sempre rebordantes de luz, un conxunto profundo como o seu inesgotable pozo poético e elevado como o leve voo da artística graza e garza da súa arte epistolar», explican Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, bos coñecedores da obra de Luz Pozo, como testemuñan as relacións de colaboracións e publicacións dos tres que acompaña o final deste número especial de Unión Libre.

As cartas son unha vía privilexiada para coñecer mellor á escritora e achegarán información e detalles aos moitos lectores da súa obra: dende a súa cor favorita -azul e tamén violeta-, sobre a concepción da súa poesía e tamén os textos sobre autores que eran do seu interese.