Cunqueiro no seu trono

CULTURA

06 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun artigo titulado Viendo llover en Galicia, o escritor Gabriel García Márquez deixou constancia expresa dun dos seus encontros con Álvaro Cunqueiro en Barcelona, con xantar compartido. A gran editora Carmen Balcells confirmoumo anos despois, nunha comida na capital catalá, e díxome que «había afinidade entre eles, que se admiraban e que se lían». Despois púxose a falar do que a ela lle interesaba, sen desvelarme nada máis. Foi así como conseguín que me acreditase aquel encontro entre os dous escritores en Barcelona. Un encontro que seica non foi o único.

Máis sorprendente foi cando quixen saber, por boca do propio Cunqueiro, como foran aquelas xuntanzas. Estábamos nun Santiago de Compostela en plena revolta estudantil e o escritor de Mondoñedo, coa súa particular sutileza evasiva, dixo: «Eu prefiro a Alejo Carpentier, que é o mellor. De García Márquez gústame Cien años de soledad, quizá por algunha afinidade temática. E tamén é bo Vargas Llosa, pero menos, porque é máis frío». Todo isto dicíao amodiño, coma se xa non quixese confesar unha especial paixón por algún máis. Non obstante, noutras conversas admitiu que compartía inquedanzas temáticas con Borges e Álvaro Mutis, sen citar máis nomes do boom. Se cadra porque el admiraba máis ó noso Torrente Ballester de La Saga/Fuga de JB.

E quizais todo isto sucedeu porque, a partir dun momento, Cunqueiro comezou a recoñecerse nos seus propios discípulos españois: os leoneses Luis Mateo Díez e José María Merino, o castelán Francisco Umbral e unha longa restra de galegos de sona. E quizais veña a conto relembrar aquí o discurso de ingreso na Real Academia Española que lle dedicara antano Elena Quiroga, a segunda muller que entrou nesta institución.

Anos despois, o catalán Pere Gimferrer, cunqueirán de sólidos argumentos, ofreceu tamén na RAE unha análise profunda e clarexadora sobre a obra do escritor de Mondoñedo. Celebrábase daquela o centenario do seu nacemento, e na Coruña dedicámoslle un curso de verán da UIMP. Cunqueiro revivía con forza, camiño do seu trono literario.