«Só un home bo», de Raúl Dans

Xesús Fraga
X. Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O autor teatral, guionista e actor de dobraxe Raúl Dans
O autor teatral, guionista e actor de dobraxe Raúl Dans

O dramaturgo constrúe unha sobre a responsabilidade e a culpa que traslada á Galicia contemporánea o peso dunha traxedia grega

15 feb 2021 . Actualizado a las 13:20 h.

Só un home bo, a obra coa que Raúl Dans (A Coruña, 1964) acadou o premio Laudamuco de teatro na súa segunda convocatoria, condensa en catorce escenas o argumento que unha serie televisiva -Hinterland, por citar unha- podería desenvolver nos episodios dunha temporada. Un drama familiar e policial, inspirado neses casos de sona mediática, que o autor esculca na profundidade da súa psicoloxía grazas aos recursos da literatura. Tras unha escena introdutoria, a segunda preséntanos a dous personaxes desta traxedia: o encontro casual entre un policía e o pai dunha vítima de rapto a asasinato, a súa filla de quince anos. A conversa permite reconstruír, coa sutileza dos sobreentendidos e as elipses, o que foi aquel caso e, ao mesmo tempo, saber que o condenado polo crime cumpriu a súa condena e saíu do cárcere.

A partir de aquí desenvólvese unha trama que de primeiras segue os clásicos patróns dunha historia de vinganza, sobre a que paira na distancia a arxentina El secreto de sus ojos. Pero axiña a historia gaña aínda máis complexidade e vai despregando unha serie de feitos, cun sabio manexo do tempo que lle permite a Dans retroceder a intres clave do pasado e recuperar o presente, que centran Só un home bo sobre a responsabilidade e a culpa, a mestura indisociable do ben e do mal nunha persoa. 

Unha traxedia grega

O autor traslada á Galicia contemporánea unha historia con todo o peso esmagador dunha traxedia grega. Non é casual que o pai da vítima mortal sexa profesor de latín e grego, enuncie reflexións filosóficas e estea a traducir Edipo Rei. Un mundo que se contrapón ao aparentemente máis básico das verbenas e as motos, pero no que a cultura ás veces non é quen de poñer freo á barbarie. A axilidade e economía -cos seus subtextos- dos diálogos e dous monólogos estarrecedores redondean unha obra que fascina de principio a fin.

Só un home bo

Raúl Dans

Ediciósn Positivas

70 páxinas

10 euros