«Luz Pozo enlazou a tradición rosaliana e a xeración do 36 coas vangardas»

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A mostra reúne fotos, debuxos orixinais, cartas, borradores de publicacións e outros materiais inéditos
A mostra reúne fotos, debuxos orixinais, cartas, borradores de publicacións e outros materiais inéditos Sandra Alonso

O Arquivo de Galicia expón unha parte do legado doado pola poeta luguesa, de cuxo falecemento se cumprirá un ano o próximo 20 de abril

09 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Luz Pozo soubo como ninguén enlazar a tradición rosaliana e a xeración do 36 coas últimas xeracións de vangarda», enxalzou á escritora luguesa o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que participou este luns no acto de apertura dunha mostra no Gaiás que pon o foco nalgúns aspectos pouco coñecidos da poeta, de cuxo pasamento se cumprirá un ano o próximo 20 de abril. Agora, referendou Lorenzo, eses seus valores pioneiros «poden albiscarse no Arquivo de Galicia, ao que coa súa xenerosidade doou gran parte de pezas clave e inéditas», explicou.

Como acaída forma de celebrar o Día Internacional da Muller, e nunha merecida homenaxe a Luz Pozo Garza (1922-2020), o encontro inaugural puxo de novo de manifesto a importancia da súa obra literaria, a dunha «muller de grande enerxía e sensibilidade que deixou unha fonda pegada en moitos ámbitos creativos, especialmente na poesía».

A Cidade da Cultura, en Santiago, acolle así -ata o 9 de xuño- unha exposición que reúne parte do legado persoal que a propia autora doou á Administración galega e que inclúe fotografías, debuxos orixinais, correspondencia con algúns dos escritores claves no seu desenvolvemento literario e borradores de publicacións.

O carácter único deste fondo documental bibliográfico pódese apreciar nesta selección que fai un repaso á súa traxectoria persoal e profesional «a través dun percorrido no que se afonda nas súas relacións familiares, a súa formación académica e as súas afeccións; a súa contribución creativa na poesía e no xénero do ensaio, as súas incursións no mundo da crítica literaria da man de revistas como Nordés e Clave Orión, entre outras», detalla a Consellería de Cultura. Tamén se fai referencia ao seu nomeamento como membro da Real Academia Galega, así como á longa listaxe de premios e homenaxes recibidos.

Un cento de documentos

A mostra permite dar a coñecer preto dun cento de documentos, entre fotografías, debuxos orixinais da propia autora e correspondencia con escritores ou borradores de publicacións. E é posible grazas a que no ano 2016 Luz Pozo Garza decidiu doar á Xunta este material para poñelo á disposición dos investigadores pero tamén dos afeccionados á literatura e á cidadanía en xeral.

Xunto a Lorenzo estiveron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e familiares da autora, ademais da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, que puxo en valor a figura de Pozo con motivo do Día da Muller e sinalou a necesidade de «seguir traballando sen dar un paso atrás na loita pola igualdade real». O 8M, dixo, é momento para o recordo e «o recoñecemento da coraxe, sabedoría e independencia que nos entregaron as nosas pioneiras». A historia de Galicia -incidiu- «é unha historia de mulleres, e hoxe é un día para alegrarse polos pasos dados cara a unha sociedade máis equitativa».