Catro días despois do Día Internacional da Muller cómpre facer unha incursión nun poemario moi pouco coñecido: Libro das abandonadas, publicado, en primorosa edición, por Teófilo Edicións no ano 2017. Foi o último libro de poesía do seu autor, Xosé Luís Franco Grande, co que sorprendeu a moitos lectores e non sei se a algunhas lectoras. En calquera caso, Franco Grande, poeta de obra breve e moi pensada, deixounos como testamento literario un libro escrito desde a perspectiva da muller abandonada.
Son mulleres abandonadas por homes que simularon unha paixón ou son mulleres, dos sectores sociais con severas estreituras económicas, que falan como «viúvas de vivos», título que nos lembra un clásico universal do xénero: o poemario de Rosalía de Castro As viúdas dos vivos e dos mortos, de 1880. Franco Grande, nun e noutro caso, fala, como nunha moi reflexiva cantiga de amigo, desde a voz da muller preterida e deixada: desde a voz da abandonada. Evocar hoxe este Libro das abandonadas no ronsel do Día da Muller ten outra motivación: lembrar ao autor no seu primeiro cabodano. Sabido é que Franco Grande faleceu en 2020, no presente mes de marzo (o día 31). Este Libro, como reflexión poética, como fonda meditatio feita por un home desde a perspectiva da muller abandonada, é un episodio relevante -e case insólito- no discurso poético galego.
O Libro contén unha especie de epílogo que o autor titula Tres inscripcións para gravar nas campas de Gaspara Stampa, Mariana Alcoforado e Marylin Monroe. Si, é a mítica actriz Marylin que se pregunta ó comezo do soneto de Franco Grande: «¿Tamén abandonada?» De Gaspara Stampa -italiana, fermosa, intelixente e poeta no XVI-, o noso escritor grava na súa campa que é unha «rula... dun amor que foi cesando / e que te deixou triste e adoecida». Xa a propia namorada escribira sonetos e cancións coa crónica dolorosa do abandono por parte do conde Collatino di Collalto.
No prólogo, o autor, despois de falar da voz precursora de Rosalía, revela que lle gustaría que o Libro «se vise tamén como homenaxe a todas as abandonadas que neste país houbo e hai».