Laxeiro por Laxeiro

CULTURA

20 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o mozo Laxeiro viu por primeira vez o pórtico da Gloria, a súa alma e a do Mestre Mateo atopáronse nalgún lugar recóndito do Destempo ou do Trasmundo, á beira do río onde a bela Mnemósine, a musa da memoria, destecía esquecementos e despintaba fronteiras. O retratista de Lalín decatouse daquela de que a estética medieval do granito estaba alí, non para ser só ilustre pasado, senón para encher de vigor o pulo renovador que demandaba a pintura galega. Desta maneira e por esta vía comezou o diálogo fecundo do pintor de Lalín co Mestre Mateo, un diálogo que xa non terminaría nunca, porque seguiría vivo e reavivado na ollada das novas xeracións artísticas.

Coñecín a Laxeiro no moi tertuliano Café Gijón de Madrid, a finais dos anos setenta, cando aquel espazo estaba cheo de pintores, poetas, novelistas, dramaturgos, actores, etcétera. Alí conversei con el por primeira vez co gallo dunha exposición súa, e despois, un día de agosto de 1983, fun facerlle unha entrevista longa na súa nova casa en Botos (Lalín). Esta conversa foi publicada como libro por Xerais no ano 2008, cando morreu o mestre, que tivo o seu enterro en Lalín rodeado polos máis grandes pintores galegos vivos, que se xuntaron nun recoñecemento unánime sen precedentes.

A pintura de Laxeiro, impulsora da renovación galega, é a obra dun creador cunha imaxinación prodixiosa que mesturaba unha cosmovisión literaria cunha gran facilidade pictórica. Algo que comezou sendo neno, cando ía a unha escola de ferrado e a mestra descubriu nel aptitudes para a pintura falándolle de Velázquez e de Goya. Pero cando lle embargaron os bens aos pais, tiveron que emigrar a Cuba. E alí, con trece anos, comezou a ir á Escola de Artes e Oficios e ás clases de debuxo do Centro Galego. Así principiou a formación do pintor, que lograría canalizar toda a imaxinación desatada do neno de Lalín. Un neno que, antes de saír da súa terra, xa tocaba a frauta pastoril e falaba cos paxaros. Un día presentóuselle un paxaro-homiño e díxolle: «Eu son o delegado cultural do Marquesado da Romea, que é a cidade somerxida que está debaixo de nós. E eu heite acompañar toda vida, porque ti has ser un gran pintor». Así foi e así é. Laxeiro contado por Laxeiro.