No ano 1977, o bretón Alan Stivell, prologa o primeiro traballo discográfico de Emilio Cao, Fonte do Araño. Pouco antes, o recoñecido grupo francés de música folk Malicorne, grava algún tema con gaita galega mentres que os bretóns Bleizi Ruz, referencian tamén a Galicia e empregan a nosa gaita no seu instrumental. Pouco despois o prestixioso gaiteiro bretón, Patrick Molard, grava o tema tradicional galego Aires de Pontevedra, que segundo el mesmo di, aprendeu do repertorio de Milladoiro, grupo senlleiro do folk feito en Galicia. Molard era unha icona da música bretoa e este tema converteuse nunha melodía obrigada no repertorio dos gaiteiros bretóns. Este feito supuxo que tamén se expandise ao dos escoceses e polo tanto e por influencias, se fixese máis internacional; de feito eu escoiteillo a unha banda irlandesa-americana en Nova York. Naquela altura o grupo Xorima trunfaba no Festival Intercéltico de Lorient na Bretaña e varias pezas do seu repertorio tamén se converteron en temas habituais de diferentes grupos e solistas deste estilo. Máis temas de Milladoiro, como A Bruxa tamén foron versionados por outras bandas de música celta e así a música galega comezaba a ter unha nova dimensión que era a de exportar melodías, situándonos no mapa e poñendo o interese de moita xente no que aquí acontecía musicalmente. Comezaban as relacións intercélticas contemporáneas e Galicia empezaba a interactuar neste contexto paseniñamente. Dende o ano 1978 o Festival de Ortigueira é lugar de encontro en Galicia de músicos da area céltica e por el pasaron grandes bandas que marcaron a identidade dun evento que co paso do tempo chegou a ser unha das grandes referencias mundiais. Galicia foise convertendo nun epicentro destas músicas. Carlos Núñez e The Chieftains apuntalaron a internacionalización da nosa música e Mike Oldfield interesábase pola música de Luar Na Lubre versioneando o tema que lle dá nome a esta columna. Moi resumidamente pódese intuír que hai base para que a música galega puidese traspasar sen moito problema fronteiras xa que dende aqueles primeiros momentos que citei viñeron moitos máis. O caso é que a situación non é boa e contrasta coa calidade de músicos, propostas e valoración que ten a nosa música na actualidade. U-lo o problema para non avanzar?