Reúnen nunha antoloxía a 225 poetas de todo o mundo con cantos a Fisterra

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

Alexandre Nerium
Alexandre Nerium Ana Garcia

Aradomar é unha obra monumental xuntada durante 20 anos por Nerium

26 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son 225 «ecos cara o confín do mundo» chegados dende os lugares máis insospeitados e reunidos durante máis de vinte anos polo poeta local Alexandre Nerium, pseudónimo de Manuel López Martínez. Agora, a Editorial Eneida, de Madrid, encargarase de publicar esta monumental obra cos poemas no idioma orixinal e mais traducidos ao galego. Nerium pensa que pode estar nas librerías a finais do verán.

Esta selección que sacará do prelo Luis Sotuela leva anos esperando unha oportunidade. Permanecía en parte no caixón ao tempo que o seu autor a ía enriquecendo con novas achegas, unhas por encargo e outras froito da investigación súa e doutros colaboradores. «Non é unha antoloxía só miña. É de moita xente que me axudou: Miro Villar, Xosé María Rei Lema, Antón Santamarina, Fernández Naval, Eduardo Estévez e moitos outros», explica Nerium. Levará o prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín e o epílogo de Darío Xohán Cabana.

Aparecerán poemas en inglés, francés, alemán, italiano, maltés, portugués, vasco, catalán, castelán e as súas correspondentes traducións en galego. «As mellores plumas escribiron sobre Fisterra e os Fisterra», eses lugares que sempre atrae como un imán.

«O inicio está sempre no fin», escribe o brasileiro Lêdo Ivo. Fisterra «non é o fin da terra» é «comezo do mar, a orixe», «o espazo da chegada que é partida». Uns lugares aos que o bretón Alain Jégou define como «anacos de terras indomábeis, mallados polos ventos e as vagas», que «atraeron e fascinaron aos homes». Como a estes 225 autores, entre os que se encontran a mesma Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Antonio Machado, Rafael Alberti, Camilo José Cela, Benedetti ou, entre outros moitos, ademais dos galegos, o Licencido Molina.

Como escribe o propio Jégou na antoloxía, «son numerosos os poetas, músicos e artistas, que, seducidos pola turbadora beleza das nosas contornas, lles consagraron as súas obras». E así aparece una longa ringleira de autores que empeza no inglés Geoffrey Chaucer (1343-1400) e segue por Luis de Camoens (1524-1580), o barón León de Rosmithal de Blatna (1425-1486), Bartolomé Sagrario de Molina (1575), Licenciado Molina; Antonio Rioboo e Seixas (Zas, 1685-1755), Martín Sarmiento ou norteamericano Henry Wadsworth Longfellow (1807-1882).

Continúan por orde cronolóxica as loas a esta terra, «onde a sirena berra», como escribía o muxián Victorino Abente Lago. Tamén asoma na antoloxía Antonio Machado: «De mar a mar entre los dos la guerra, más honda que la mar». Ou Erich Lassota von Steblau (1550-1616), o peregrino polaco que estivo ao servizo de Felipe II.

Gonzalo López Abente, un dos grandes galegos, dedícalle unha oración a Curros Enríquez «rezada entre o balbor de Touriñán na adusta soedade de Fisterra». Forma parte do grupo de poetas galegos xa desaparecidos e presentes neste libro, xunto con Antón Zapata García, Desiderio Paz Figueroa, Ramon Rey Baltar, Matías M. Escariz Méndez, Manuel Caamaño Devesa, Ramón Cabanillas, Fortunato Cruces Angueira, Evaristo Martelo, Florencio Vaamonde, Xervasio Paz Lestón, Euxenio Montes, Luís Seoane, Arturo Romaní, Pura Vázquez, Alejandro Finisterre, Luz Pozo Garza, Manuel María, Uxío Novoneyra, Xohana Torres ou, entre outros, Urbano Lugrís e José Ángel Valente.

«Un color finisterre, golpeado, ojo que sueña el mar, color mojado», é o pincel que fire de Rafale Alberti, que forma parte doutro grupo seleccionado, o mesmo ca Gerardo Diego: «Andar a pie el Camino de Santiago, comino por la tierra a Finisterre». Ou mesmísimos premios Nobel xa falecidos Camilo José Cela e Eugenio Montale. Todos eles lle dedicaron letras de ouro a Fisterra, «la soledad del abismo», deixou escrito Juan Larrea e moitos máis, como Luis Felipe Vivanco, Vittorio Bodini, Mario Benedetti, José Martínez-Bargiela, o escocés Pearse Hutchinson, o irlandés Thomas Kinsella, os cubanos Pablo Armando Fernández e Robert Lima, o brasileiro Reynaldo Valinho, a americana Sylvia Plath e mais John Reibetanz, os portugueses António Salvado, Joao de Melo e Joao Barroso da Fonte; os franceses Charles Madézo e James Sacré, e a vietnamita Alain Kervern, entre outros moitos e unha longa lista de autores actuais galegos.