A navegación marítima galega e o comercio coas illas Molucas

l. r. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A armada de García Jofre de Loaysa saíndo da Coruña cara ás Molucas en 1525 (litografía de 1854).
A armada de García Jofre de Loaysa saíndo da Coruña cara ás Molucas en 1525 (litografía de 1854). Arquivo Municipal da Coruña

A mostra promovida polo Consello da Cultura «Inventio mundi» chega a Santiago

16 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Inventio mundi é unha mostra que recolle unha parte da historia de Galicia que se descoñece e da que existen poucos documentos. De feito, a fortaleza desta exposición está no relato, en explicar nunha trintena de paneis unha historia da navegación galega que arranca no interese comercial coas illas Molucas e remata no século XVII. A mostra xestouse no 2019 co quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano que completaría a primeira circunnavegación do planeta. Promovida polo Consello da Cultura e comisariada por Ofelia Rey Castelao, inaugurouse no Museo de Pontevedra e iniciou unha itinerancia na que chega a Santiago, á Facultade de Historia da USC, onde estará ata o 23 de xullo.

A posición atlántica de Galicia é fundamental para comprender a especificidade da cultura galega. A mostra tamén recupera como se mantiveron no imaxinario popular os feitos históricos. Na literatura galega medieval, o Atlántico é o Mar Maior, cantado por Paio Gómez Chariño, o poeta almirante sepultado na igrexa de San Francisco de Pontevedra, porto importante aínda a finais do XV. Hai máis, a historia do Colón pontevedrés; o Fernando de Magalhães que naceu na aldea de Magaláns; pero tamén na literatura contemporánea.

O relato da navegación galega comeza coa epopea de Magalhães, que descobre unha nova ruta ás Molucas, a das especias, sen ter que pasar polos territorios de Portugal tras o Tratado de Tordesillas (1494). Como é sabido, Magalhães morreu na ruta pero regresou Elcano, que tentou explorala. Carlos V non tiña interese en reforzar o comercio de Sevilla con América e aproveitou a circunstancia política para crear na Coruña unha casa de contratación (da que non queda resto ningún). Iníciase así un intento de explotar o mercado con América desde Galicia. Esa nova vía politicomarítima concretaríase nun proxecto de colonización e cinco expedicións, das que só se fixeron catro, detalla o CCG.

A mostra dá conta desas viaxes, do tipo de embarcacións empregadas e dos seus promotores e executores. «Foron un auténtico fracaso en canto ao que se perseguía (abrir unha nova vía de comercio coas Molucas), morreron moitísimos homes (moitos, galegos) e non se obtivo beneficio ningún», remarca Rey. Ao tempo, recoñece que foron positivas vistas con ollos de hoxe: «Permitiunos ver as prospeccións xeográficas, o cartografado da costa e un relato dunha tentativa truncada dun peso relevante de Galicia no comercio coas Américas», matizou.

A primeira das expedicións tivo lugar en 1524, cando sae do porto da Coruña a carabela Anunciada. Á fronte está Estevão Gomes, que busca un paso entre o Atlántico e o Pacífico e abrir unha alternativa ás Molucas polo norte. Aínda que fracasou, percorreu a costa americana de Terranova a Florida. A segunda foi a de García Jofre de Loaysa, que arrincou en 1525 seguindo a ruta tradicional. Dunha armada de sete naves, once anos despois apenas regresaron unha vintena de superviventes. En 1527 saíu desde o cabo de Fisterra a terceira das expedicións. Tres barcos capitaneados por Diego García de Moguer, experimentado mariño. Nunca chegou ao destino, acabou explorando o río Paraná e o Paraguai e volveu por Sevilla sen cumprir mandato. A última foi a de Simón de Alcazaba, navegante luso ao servizo da Coroa de Castela, un chasco porque aproveitou todo o seu mando para defraudar a Facenda.