Os españois estamos nunha etapa de moito ruído político, que enche as páxinas de opinión de distintos medios de comunicación e invade outros espazos que antes se utilizaban para rememorar sucesos pasados -históricos e culturais- e que nos refrescaban a memoria ou nos informaban de episodios pretéritos que sempre estaba ben relembrar.
Esta reflexión xurdiu nunha conversa entre amigos sobre a presenza (en forma de incursións) dos viquingos en Galicia, unha das moitas historias que antano comentabamos con curiosidade e que hoxe case ninguén trata. Por que? Porque a actualidade manda. E na actualidade non hai incursións viquingas que contar, felizmente. Isto sucedeu entre os séculos IX e XII, nun contexto no que Escandinavia se convertera nunha potencia naval, militar e comercial. Hoxe os asuntos son de política nacional e esgotan todo o espazo informativo dispoñible. Porque non hai día sen liorta novidosa ou só ruidosa. É o retrato do presente. E iso que temos un presidente do Goberno que declarou a súa admiración por Valle-Inclán, o creador do esperpento. Que vería nel? Porque Valle hoxe sería un crítico implacable con todos. Seguro.
A actualidade é certamente algo moi relevante que debe ser coñecido con puntualidade pola cidadanía. Pero cando o presente é só unha continuación de discrepancias e discusións que se retroalimentan sen vocación de resolver nada, a situación empeora. E un pode acabar preferindo contar historias de viquingos invasores que antano atacaron Galicia (chamada por eles Jakobsland, é dicir, Terra de Santiago).
Un rico asesor presidencial estadounidense, Bernard Baruck, aconsellaba votar «ó que prometa menos, porque ese será o que menos te decepcione». Coido que é un bo consello tamén hoxe, á vista do revoltixo irrefreable que temos no patio político. E por iso tamén é oportuno relembrar unha reflexión de Winston Churchill: «O político debe ser capaz de predicir o que vai pasar mañá, o mes próximo e o ano que vén, e de explicar despois por que non ocorreu o que dixo». Porque o ruído político tamén é cultura; mala, pero cultura. Un verdadeiro pesadelo ás veces.