Publican o facsímile da escolma feita por Cunqueiro das Cantigas de Santa María

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A publicación da edición facsimilar de «Cantigas de Santa María» foi presentada este mércores.
A publicación da edición facsimilar de «Cantigas de Santa María» foi presentada este mércores. Xoán crespo

Galaxia recupera polo 800 aniversario de Afonso X a edición de 1980

01 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O libro cunha escolma das Cantigas de Santa María feita no ano 1980 por Álvaro Cunqueiro volve a ver a luz nunha edición facsimilar. Se entón a editorial Galaxia publicou o traballo con motivo de que ese ano se lle dedicaba o Día das Letras Galegas a Afonso X, agora recupérase por mor do 800 aniversario do nacemento do Rei Sabio. Unha nova edición que trata de axustarse ao máximo á de hai 41 anos, buscando incluso un papel similar para as súas páxinas e mantendo a fe de erratas da que saíu do prelo o 16 de maio de 1980. «Quixemos que fose o máis fiel posible ao orixinal», destacou Francisco Castro, director xeral de Galaxia.

Cantigas de Santa María recompila 23 composicións afonsinas seleccionadas por Álvaro Cunqueiro tendo en conta «as cantigas que tiveran especial interés pra nós», recóllese no limiar e na solapa da publicación. «Fixéronse moitas edicións das cantigas de Afonso X, pero este libro ten singularidades», afirmou Castro, destacando que o limiar, a escolma e a versión moderna dos textos son obra de Álvaro Cunqueiro. Nese sentido, fixo especial fincapé nas explicacións do porqué da edición que escribiu o autor mindoniense. O traballo completábase coas ilustracións de Xoán Ledo, que tamén se encargou da cuberta.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, incidiu onte durante a presentación da edición facsimilar —que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade— que se trata «da visión que Cunqueiro tivo dun autor tan distinto a el como é Afonso X e a súa magna obra».

A esa conexión entre Cunqueiro e Afonso X tamén se referiu o secretario do Centro Ramón Piñeiro e persoa tamén vinculada á Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo. Resaltou que o escritor mindoniense «se tiña algunha ancoraxe era a época medieval, tiña especial debilidade por ese tempo». Ademais incidiu en que, aínda que foi fiel na versión en galego moderno dos versos das cantigas, «en determinados puntos apréciase que é un poeta versionando a outro poeta». Tamén a investigadora colaboradora do Centro Ramón Piñeiro e unha das especialistas máis relevantes no cancioneiro mariano de Afonso X, Mercedes Brea, resaltou que Cunqueiro non só sentía paixón polo medievo, «senón que era un excelente coñecedor da literatura medieval». Por iso, cualificou de idea «espléndida» a recuperación «dunha xoia» como é a escolma que el fixo.

Libro de Filgueira Valverde

A raíz desta edición facsimilar de Cantigas de Santa María, Mercedes Brea tamén animou á Real Academia Galega para que recupere o texto de Xosé Filgueira Valverde do Día das Letras Galegas de 1980 «porque ofrece tamén unha perspectiva distinta das cantigas relacionadas con Galicia e Santiago. Cunqueiro fixo unha selección das que teñen que ver con Galicia e o galego; Filgueira, en cambio, centrouse en buscar os motivos porque nalgunhas delas Afonso X parece que fai unha contrapropaganda de Santiago». Precisamente, anunciou que o Centro Ramón Piñeiro publicará un traballo no que se analizan os problemas do Rei Sabio co arcebispado de Santiago. «Afonso X rompeu a tradición de que os reis peregrinasen a Santiago», lembrou. Pola súa banda, a tamén investigadora do centro Pilar Lorenzo incidiu en que Cunqueiro seleccionou entre as cantigas algunhas que teñen que ver coa literatura.