Os historiadores loan a Ramón Villares como inspirador de vocacións universitarias
CULTURA

O libro «Á volta do tempo» reúne un fato de ensaios de profesores que foron discípulos do catedrático chairego
10 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.
«Co seu maxisterio, dende aquel tempo da transición da ditadura á democracia, o da súa xeración, liberou a explicación do pasado das servidumes políticas para interpretar o presente coas chaves do historiador con conciencia cívica». Un grupo de profesores que foron discípulos do investigador e intelectual chairego Ramón Villares (Cazás, Xermade, 1951) réndenlle homenaxe no libro Á volta do tempo (Xerais) como inspirador de vocacións e «en recoñecemento ao mestre que está na orixe do noso ser universitario». A publicación —coordinada por Aurora Artiaga Rego, Xesús L. Balboa López, Lourenzo Fernández Prieto e Eduardo Rico Boquete— reúne un fato de ensaios breves de historia contemporánea que abordan territorios moi diversos, pero case sempre con Galicia no primeiro plano e o horizonte, con asuntos que teñen que ver coa Guerra Civil, a recepción do federalismo europeísta nos inicios do franquismo, a construción de encoros, os investimentos británicos no ferrocarril, o agrarismo de mulleres na folga das leiteiras de Ferrol en 1910, o libreiro liberal exaltado Juan Cuveiro Piñol...
Os autores destes textos débenlle a Villares, lembran, non só como concibiu, consolidou e espallou un modelo de traballo e perspectiva para investigar a historia, tamén foi clave o seu labor a nivel organizativo corporativo e profesional á fronte da AHC (Asociación de Historia Contemporánea), na fundación do que hoxe é a Sociedade de Estudos de Historia Agraria e tras a prestixiosa editorial especializada Marcial Pons. Por suposto, igualmente recordan o seu liderado na modernización da USC (Universidade de Santiago) como reitor na primeira metade da década dos anos noventa.
Pero, por riba de todo, enxalzan o seu modo de facer historia, de coñecemento baseado «nos restos materiais do pasado, nos vestixios, empiricamente tratados, sutil e criticamente interrogados, contrastados e comparados para poder indagar nos misterios pretéritos, avanzar no descoñecido e manipulable territorio do que xa foi, e poder contextualizar, argumentar e interpretar como o historiador». Todo iso xunto coa «retranca e o saber labrego» que acompañan a Villares alí onde vai.