Paseo con Valle-Inclán

CULTURA

02 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A don Ramón María del Valle-Inclán era imposible non querelo e admiralo porque tiña un enorme talento formal e argumental, cheo de sabias combinacións verbais, con imaxes e xiros prodixiosos. Quizais por iso, en Madrid, sempre que saio da casa e vou pola rúa de Santa Engracia, acórdome del, porque Valle-Inclán viviu un tempo nesta vía, pola que baixaba case todas as tardes ó Café Lyon, na rúa de Alcalá, onde mantiña conversas con amigos ante unha mesa de mármore. Era un dos moitos faladoiros que encabezou en cafés madrileños (Suizo, El Gato Negro, Gijón, Lhardy, Nuevo da Puerta del Sol, etcétera), e con xuntanza propia na Cacharrería do Ateneo de Madrid, onde era aínda máis príncipe e señor. Lugares ós que case sempre ían galegos cultos que viaxaban a Madrid e querían saber del e velo brillar en directo.

Morreu en Santiago de Compostela o 5 de xaneiro de 1936, vai facer 86 anos, cando en España xa se albiscaba un horizonte de feroz Guerra Civil. E foi aí, en Santiago, onde protagonizou os seus últimos faladoiros con amigos incondicionais e cun ousado mozo que se chamaba Álvaro Cunqueiro, que se dicía familiar del polos Montenegro e que o deleitaba con algunhas historias que claramente presaxiaban o escritor que ía ser. Aínda que Valle-Inclán nunca acabou de entender ese parentesco que, segundo Cunqueiro, estaba ben acreditado, porque, dicía, a súa avoa paterna era prima carnal da nai do creador dos esperpentos. Nada menos. E, de feito, Álvaro Cunqueiro declarouse sempre moi influído pola literatura de don Ramón María del Valle-Inclán.

Cando dou voltas a pé por Madrid, aínda creo ver a Valle-Inclán saíndo dalgún dos lugares cos que el se identificaba. E paso, xaora, cabo da súa fermosa estatua no paseo de Recoletos, ofrecida polo Círculo de Bellas Artes e situada fronte á Biblioteca Nacional. De xeito que, 86 anos despois do seu pasamento, aínda podo confundilo cun paseante contemporáneo. Quizais porque Valle-Inclán segue a ser o que sempre foi: un escritor inmortal cunha obra que non esmorece co paso do tempo. Reléano e verán que estou no certo.