Lanzan unha edición conmemorativa da novela «Virtudes (e misterios)» asinada polo autor, Xesús Fraga

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Galaxia tira 250 exemplares da novela que recibiu o Premio Nacional de Narrativa do 2021

08 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O selo Galaxia lanza unha edición conmemorativa da novela Virtudes e (misterios), especial, numerada e asinada polo autor, o xornalista de La Voz de Galicia e escritor Xesús Fraga (Londres, 1971), que pon en valor os tres grandes recoñecementos que recibiu, en particular, o Premio Nacional de Narrativa do 2021, que referendou o primeiro que lle outorgaron, o Blanco Amor, e aos que se lle sumou despois o da Crítica de Galicia. A obra máis íntima e arriscada do escritor betanceiro —que ten a súa versión en castelán no selo aragonés Xordica— foi tamén a que máis repercusión logrou, un feito que confirmou que moitas veces o máis persoal é o que chega de maneira máis fonda e universal.

Fraga relata no libro a odisea da emigración galega na figura da súa avoa Virtudes, que arribou a Londres só coa súa firme determinación e vontade de traballo na busca dun mellor futuro para as súas fillas. Unha delas seguiu tempo máis tarde os seus pasos, acompañada de seu home. Foi así como se deron as circunstancias para que o autor, Xesús Fraga, nacera na capital británica, onde se criou ata que a familia decidiu regresar á terriña e afincarse definitivamente en Betanzos.

Con esta coidada edición —da que se tiraron 250 exemplares— Galaxia quere homenaxear ao narrador premiado e tamén aos outros autores, os traballadores e colaboradores da editorial e todos os profesionais que fan posible «o milagre do libro galego».