Existen anos que por diferentes circunstancias quedan gravados na nosa memoria a lume, e eu vou lembrar este 2021 como un ano particularmente fatídico. Pois si, para min este pasado ano xa comezou con moi mal pé. O 1 de xaneiro tivemos un dobre acontecemento que nos deixou moi mal corpo. Por un lado, a miña filla Mariña, preparándonos un almorzo sorpresa, sufriu un accidente doméstico co resultado de queimaduras de segundo grao na man dereita; tivemos que marchar para urxencias de contado. Paralelamente chegábanos a triste nova do pasamento inesperado dun familiar moi próximo e querido, case non dabamos creto. No mes de maio Alba, a miña filla maior, foi diagnosticada con esclerose múltiple, outro golpe importante. Afortunadamente os tempos mudaron e certamente cos tratamentos que hai na actualidade e o que se avanzou na investigación, esta enfermidade xa non supón aquela terrible sentencia de hai uns anos. Alba está moi ben e tivo que facer un interesante reseteo vital que me resulta admirable e do que me sinto moi orgulloso como pai. No mes de agosto e acabadas de coller as vacacións de verán, a miña muller Marisa colleu unha estraña pneumonía bilateral que nos levou a pensar no peor; finalmente todo foi ben aínda que tivo que estar 15 días no Chuac, do que saíu como unha rosa despois de tantas probas que tivo que facer. Agora cun tratamento a base de corticoides que lle van reducindo paulatinamente está moi ben e coma sempre coa súa alegría e positividade. E para rematar o nefasto ano, á altura do Nadal, Bieito, o meu fillo, empezou con síntomas coincidentes co covid. Despois de días de probas, médicos e illamento, rematou sendo unha infección bacteriana de gorxa das que se lembran.
Agora, xa comezado o 2022, estamos noutro período e xa veremos: a vida é a sorte e o risco de vivila no día a día e niso temos que estar coa mellor das actitudes. Mais o que si quero deixar neste texto ben claro dende o meu pensamento e idea é o valor do que significa ter unha sanidade pública e universal, tan vilipendiada nos últimos tempos e da que sen ela seriamos moi pouca cousa. Coidémola sen ningún tipo de condición e que a saúde vos acompañe.