A peza de Marcos Nine é un comedido exercicio de metacine, con abondosos recursos a escenas procedentes doutros filmes contemporáneos aos feitos
31 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A virxe roxa céntrase na ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira e na súa filla Hildegart, protagonistas dun fito da crónica negra do século XX de entreguerras, cando Aurora cometeu parricidio sobre Hildegart no Madrid de 1933, a onde a nai —solteira, de xeito premeditado— marchara a parir a nena, lonxe do que consideraba ambiente provinciano e coa idea (case literal) de fabricar, modelar, vestir intelectualmente á muller perfecta desde un feminismo levado a extremos, e nun tempo no que o concepto da euxenesia aniñaba nalgunhas minorías, maiormente fóra de España. A virxe roxa afonda nas circunstancias dos seus procederes, ao tempo que contextualiza a época e máis o proxecto vital de Aurora, contando coa muleta de varios especialistas, entre eles a profesora Rosa Cal, tamén ferrolá, que publicara A mí no me doblega nadie (Ediciós O Castro, 1991), esencial achega biográfica a ambas mulleres.
Alén do acerto co que Nine enfía o relato —coescrito xunto a Rocío González— e máis alá de atinar en permitir aos espectadores espazos para a reflexión, evita o formato común de documental de memoria histórica —ese que peca de excesivo didactismo, escorando á reportaxe—, sen por iso deixar de aportar datos obxectivos.
En particular, destaca o seu enfoque formal: desde un comedido exercicio de metacine, con abondosos recursos a escenas procedentes doutros filmes contemporáneos aos feitos —renuncia ao socorrido recurso de imaxes de arquivo—, ao intelixente inxerido das ilustracións de Taracido, a poderosa presenza da música de Kress —tamén co auxilio dalgunhas pezas clásicas—, as voces de Nerea Barros, María Vázquez e Antonio Durán Morris, e mesmo a maneira de encadrar no plano as diferentes testemuñas.
O autor foi quen de mesturar unha renovada maneira de entender o xénero, sen por iso renunciar a un virtuoso academicismo que fará desta peza unha referencia seminal, e máis aínda no contexto audiovisual de Galicia nese espazo creativo. O seu tempo narrativo e unha certa aparencia operística convidan a gozar o filme na pantalla grande dunha sala escura, para mellor sentir así a enerxía que desborda.
«A VIRXE ROXA»
España, 2020.
Director Marcos Nine.
Guion: Marcos Nine y Rocío González.
Música: Arturo Kress
Productora: Recrea Films.
Documental.
94 minutos.