Alonso Montero: «Quen lea a Florencio Delgado levarao no espírito como un guía»

María Cobas Vázquez
M. Cobas O BARCO / LA VOZ

CULTURA

Detalle do acto de presentación das novidades editoriales de Delgado Gurriarán no Barco.
Detalle do acto de presentación das novidades editoriales de Delgado Gurriarán no Barco. Lolita Vázquez

O académico e valedor do poeta valdeorrés, ao que se lle dedican as Letras 2022, confía na influencia benéfica da súa literatura nos máis novos

09 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois da reedición de tres dos poemarios de Florencio Delgado GurriaránBebedeira, Galicia infinda e O soño do guieiro—, a figura do poeta que protagonizará o 17 de maio volve ser novidade nas librarías, desta volta coa nova edición da biografía que o historiador Ricardo Gurriarán escribiu hai máis de 20 anos sobre o autor de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) e cunha antoloxía dos seus versos feita polo catedrático e académico Xesús Alonso Montero. Ambos estiveron no Barco para presentar os traballos, nun acto que busca seguir espallando a figura de Delgado Gurriarán. Porque se algo ten de importante a elección do autor para o Día das Letras é que «se lea», como incidiu Montero.

O que foi o defensor da candidatura de Florencio ante os membros numerarios da Real Academia Galega para que se lle concedese a gran homenaxe neste 2022 recordou que foron case 20 anos de traballo (dunha ampla colectividade social) para conseguilo. Xa o intentara Alonso no 2002, tal e como recordou a concelleira de cultura do Barco, Margarida Pizcueta, que tamén foi alumna de Montero na Facultade de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Montero congratulouse de que Florencio vaia entrar nos institutos este curso, porque, dixo, está convencido de que lelo terá influencia nos que son o futuro de Galicia.

A entrada nos institutos

«Se o len, levarano no espírito e na memoria como un guía, un inspirador; porque tivo unha vida exemplar», dixo. E engadiu: «É difícil atopar unha persoa cunha traxectoria vital tan coherente como Florencio Delgado Gurriarán». Non quixo Alonso deixar pasar a oportunidade de recordar que foi un dos primeiros escritores monolingües en galego, destacando o seu compromiso co idioma.

Falou tamén Ricardo Gurriarán, que desta volta non se centrou na figura de Florencio (xa o fixera hai apenas 15 días, na presentación da reedición dos poemarios), senón que recordou o papel de Alonso Montero na difusión da obra do de Córgomo. «Xa no ano 63 o subiu aos altares», lembrou. E nunca máis o soltou da man ata conseguir as Letras.

Na presentación de Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética e de Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista estivo tamén Xesús Domínguez Dono, director de produción de Editorial Galaxia, que remarcou a figura dun autor dun tempo no que se obrigou a moitos a calar ou a exiliarse. «Florencio marchou, pero non calou», dixo.

Pola súa banda, o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, quixo aproveitar a coincidencia do acto no 8M para recordar as mulleres, de maneira especial ás que agora mesmo están pasando por unha guerra.