Francisco Castro: «O meu pai pasaba a aspiradora e pechaba as cortinas para que non o visen os veciños»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Francisco Castro (Vigo, 1966).
Francisco Castro (Vigo, 1966). Óscar Vázquez

O escritor e editor acaba de publicar «Isto si é un home», onde reformula a idea de masculinidade

14 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das frases centrais do feminismo escribiuna Simone de Beauvoir: «Non se nace muller: chégase a selo». O escritor e director de Galaxia Francisco Castro (Vigo, 1966) parte do espello masculino desa mesma sentencia para explicar en que consiste a masculinidade e como se forma socialmente. «Un non escolle ter a cabeza chea de patriarcado, senón que a través da educación e de formas moi sutís, a un convérteno nesa clase de home que somos practicamente todos», subliña. Sobre a toma de conciencia de todo iso trata Isto si é un home (Galaxia), un ensaio de marcado ton autobiográfico.

—O libro parte duns golpes que recibiu aos seis anos duns nenos maiores. Son esas labazadas o principio de todo?

—Son esas labazadas. É tamén o barrio de Teis en Vigo, con toda a brutalidade que podía haber alí. É o bullying que aguantei durante anos na escola. E todo o que veu despois, como as imaxes de masculinidade que nos transmitiu o cine. Iso configúranos a todos. Eu, grazas ao meu pai, que era bastante diferente, e a lecturas feministas aprendín a deconstruír a miña cabeza, localizar os elementos erróneos e loitar por construír outros referentes.

—Relata como o seu pai facía labores da casa ás escondidas.

—Home, claro. El pasaba a aspiradora todos os sábados e os domingos e pechaba as cortinas para que non o visen os veciños. Eu dicíalle que tanto daba, pero el insistía: «Francisquiño, péchaas». Era un home nacido no ano 28, educado no franquismo e nesa idea de masculinidade. Iso diante dos veciños poría en cuestión a súa hombría, xa que era algo que debería facer a súa muller. Pero facendo iso mostrábame unha certa disidencia dentro da masculinidade tradicional.

—Por outra parte, tiña ao seu tío, que tras recibir os golpes dicíalle: «Os nenos non choran».

—O tío Lisardo era como calquera home normal daquela época. Non os culpo, todos somos froito da nosa época. Pero a súa resposta cando me pegaron os maiores foi: «Que carallo fas chorando? Dálles unha patada nos huevos que os nenos nos choran, iso é de nenas!». Isto constrúe homes que no futuro son incapaces de mostrar os seus sentimentos e que lles custa moitísimo empatizar con outro home que se mostre feble. O normal cando un neno é agredido é consolalo, ver que pasou e buscar unha solución, non dicirlle: «Pégalle ti máis forte!».

—Incide moito na vida dura do seu barrio proletario. Ese era un caldo de cultivo máis propicio para o machismo?

—Sinceramente, non o creo. En todo caso, manifestábase de maneira distinta. Neses estratos máis baixos o machismo sacaba a cara máis violenta. Os homes batían nas mulleres e as mulleres non pisaban o bar. Nos estratos máis altos as mulleres estaban na casa, chamábanse «señora de» e non estaban no ámbito das decisións. Probablemente, soportaban que os seus maridos tivesen queridas. Era exactamente igual, pero con máis finura.

—Posicionarse desta maneira no ano 2022 séguelle xerando conflitos?

—Obviamente, si. No momento no que es abertamente feminista sempre ocorre. Cando nun acto público falas en feminino, se na mesa hai máis mulleres que homes, notas como hai homes que botan miradas como perdoándoche a vida. Logo está o tema político. Nas miñas redes sociais ás veces teño que aturar as hordas da ultradereita, que me chaman de todo menos guapo.

«O feminismo debe estar liderado por mulleres e nós ir na manifestación do 8M moi atrás»

Francisco Castro móstrase preocupado polo auxe de Vox nas institucións. «Hai 52 deputados dun partido que ten como unha das súas ideas centrais o antifeminismo. Iso é terrible», lamenta.

—Dise normalmente que o feminismo protagonízano as mulleres e que os homes deben estar sempre un paso atrás. Que papel ten un libro como o seu aí?

—Esa idea é algo co que estou totalmente de acordo. O feminismo debe estar liderado por mulleres e nós temos que estar na manifestación do 8M moi detrás, sen pedir protagonismo. Pero tamén creo que os homes temos que contar a nosa experiencia. Este libro o que pretende é contar a viaxe ata o feminismo dun home criado no patriarcado. Quere abrir un debate e, ao mesmo tempo, aportar unha mirada masculina contra ese patriarcado. É dicir, nós, como homes, que podemos facer para axudar a conseguir ese mundo en igualdade? O libro fala moito da decencia. Ir contra o feminismo é moverse no territorio da indecencia.

—Deberiamos pensar que está dirixido a un lector home?

—Non, é para lectoras e lectores. A elas creo que lles vai servir para entender que hai milleiros de homes dispostos a cuestionar o patriarcado. E gustaríame que a moitos homes lles servise para decatarse de que podemos sumarnos á revolución pola igualdade e cambiar a sociedade ata unha máis igualitaria.