Bárez, o poeta do 72

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Rafael Bárez.
Rafael Bárez. Blanco

Rafael Bárez, o militante, levou sempre a dimensión artística ás súas varias actividades: ao despacho de avogado, ao Partido e, como concelleiro, ao departamento de urbanismo do Concello da Coruña

26 mar 2022 . Actualizado a las 00:30 h.

Non se pode entender ben a acción política no marzo ferrolán de 1972 sen o labor do avogado Rafael Bárez, que faleceu, como os amados dos deuses (dirían os clásicos), bastante novo, aos 50 anos (1945-1996). Estudara Dereito en Santiago para, desde eses saberes, defender os dereitos «da xente do traballo» (que diría Rosalía de Castro). Non era labor doado na noite franquista e, menos, para quen era correlixionario de moitos dos defendidos. A Policía sabíao. Bárez vai ser un dos do Proceso dos 23 de Ferrol e con algúns deles penou na prisión da Coruña de marzo a decembro daquel ano, experiencia moi dura para el pero fecunda para a causa poética. Aí está ese libro grande e conmovente da poesía carceraria española, Poemas del diez de marzo (escritos en la cárcel), inédito durante décadas.

Tal poemario foi unha sorpresa para todos, mesmo para os que o tratabamos desde moi novo. No instituto de Lugo, onde fun profesor seu, era admirado como recitador, e, xa na universidade, ademais de declamador, tiña sona de director, actor e autor de pezas de teatro. Rafael Bárez, o militante, levou sempre a dimensión artística ás súas varias actividades: ao despacho de avogado, ao Partido e, como concelleiro, ao departamento de urbanismo do Concello da Coruña. Vinte anos despois do seu pasamento, a súa viúva, Toya Fernández, sen procuralo, atopou, nunha esquecida carpeta, ese tesouro literario titulado Poemas del diez de marzo. No ano 2017 fíxose unha edición facsimilar (Alvarellos) con prólogos de Xesús Alonso Montero, Vicente Álvarez Areces, Toya Fernández, José Gómez Alén e Manuel Rivas, edición que se presentou, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, ante varios centenares de persoas que admiraban a Rafael Bárez e que, co gallo da publicación, descubrírono como poeta, como poeta de notable entidade literaria. Non sei de ninguén que non reparase no poema Para Julio (Julio Aneiros, aquel Giner de los Ríos da causa obreira) e, nel, nestes cinco versos: «Capataz, ten cuidado / [...] / Debe ser peligroso: / tiene libros en casa, / no se emborracha nunca, / no va al fútbol...».