«Eles transportan a morte», cinema poético contra o relato épico da historia

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A actriz luguesa Nuria Lestegás, nunha escena do filme «Eles transportan a morte» (2021).
A actriz luguesa Nuria Lestegás, nunha escena do filme «Eles transportan a morte» (2021).

O filme, codirixido pola realizadora galega Helena Girón e o canario Samuel M. Delgado, estréase este venres

10 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O cinema pode ser algo máis que un entretemento audiovisual. Iso percíbese en obras como Eles transportan a morte, coa que os realizadores Helena Girón (Compostela, 1988) e Samuel M. Delgado (Tenerife, 1987) debutan na longametraxe e que se estreará en salas este venres. Conta Girón que o xerme deste persoal filme estaba na súa curta Plus Ultra (2017), que xa cuestionaba os mitos das construcións culturais, as narracións fundacionais do Estado, o relato da conquista de América e a figura da bruxa. Tamén, di, prefigurábao a nivel estético en canto que se apoiaba máis nunha linguaxe poética e asociativa que na puramente causal.

O actor cambadés Valentín Estévez, nun fotograma da película.
O actor cambadés Valentín Estévez, nun fotograma da película.

Todo isto fundamenta unha indagación artística alén do produto comercial, unha busca na que ten moito que ver o traballo analóxico con celuloide, un soporte que fai posible ese halo misterioso, esa presenza do matérico, esas texturas tan plásticas que lles procura a mestura de formatos. «Non hai dúas pelis iguais. Só se trata de atopar a forma, e sempre en certo equilibrio co contido —incide Girón—. Hai partes, de feito, que están realizadas de maneira artesanal, cunha cámara pequena Bolex (a momia aborixe, os sartegos...), que dá moita autonomía e esa imaxe tan desgarrada. Pero está rodada en 16 milímetros, en soporte analóxico».

A importancia do aspecto formal é innegable, só hai que ver a súa plasticidade, o peso do son, o coidado dos encadres, ese tempo narrativo demorado no que a palabra descarga peso nunha aposta máis sensorial, táctil, en texturas que suxiren certos estados de ánimo, certos ambientes... Pero hai tamén unha narración, non hermética, iso si, ou, máis ben, dúas, dúas liñas que se afectan mutuamente cunha linguaxe asociativa, coas resonancias que achegan a montaxe, o guión, a posta en escena e recursos que xogan en ambas beiras.

Compoñen deste modo unha unidade orgánica de moita coherencia, de lectura aberta, dúas trazas paralelas que comparten as forzas motoras da fuxida da morte e dun destino incerto, en contra do tempo. Porque os protagonistas son desherdados da gran historia, que a eles os leva alén do Atlántico e a elas as deixa no vello mundo.

Con claro espírito pasoliniano —admite Girón que o mestre italiano é un dos seus referentes—, a súa procura avoga máis por evocar unha época que por describila. Unha filosofía que lles confire enorme liberdade.

Colón, lembra a autora, pasou polas Canarias cando os nativos se resistían aínda ao sometemento de Castela, nunha batalla que foi un laboratorio dun método que se exportaría á outra ribeira do océano. A acción da cinta oscila entre as illas —selva, penedas e volcán— e unha Galicia de bosques e montaña.

A produtora Beli Martínez cos realizadores Samuel M. Delgado e Helena Girón no seu exitoso paso co filme «Eles transportan a morte» polo festival Novos Cinemas de Pontevedra.
A produtora Beli Martínez cos realizadores Samuel M. Delgado e Helena Girón no seu exitoso paso co filme «Eles transportan a morte» polo festival Novos Cinemas de Pontevedra.

En ambos lugares Girón e Delgado rastrexan a memoria do pobo de condición máis baixa (mulleres e perseguidos da xustiza) esmagado polos feitos históricos, invisibilizado pola historia oficial. Reivindican así un rescate do oral pola imaxinación e a poesía fronte a un relato épico co que non se senten identificados.

Consciente de que o cinema de «Eles transportan a morte» é esixente co público, Girón sostén, porén, que a linguaxe poética é moito máis asequible que outras que o fían todo ao discursivo, ao causal, que ás veces «favorecen que un se perda pendente dos detalles». Ela non teme a resposta do espectador, e recoméndalle deixarse levar polo que ve na pantalla. E pouco máis, aduce, xa que non quere amosarse paternalista de máis coa xente, que, cre, sabe perfectamente como enfrontarse ás películas. A recepción que tivo a obra no seu paso por festivais de todo o planeta foi fabulosa, corrobora a realizadora compostelá.