Xesús Fraga, Inma López Silva e Suso de Toro, finalistas do Premio de Novela Traducida Casino de Santiago
CULTURA
As tres novelas abordan temáticas galegas complementarias: a emigración, a posguerra e a verdade e a mentira na sociedade actual
14 may 2022 . Actualizado a las 19:31 h.Suso de Toro, Xesús Fraga e Inma López Silva son os finalistas do Premio Novela Europea Casino de Santiago na modalidade de textos traducidos a outra lingua europea na sección de lingua galega polas obras Un señor elegante, Virtudes (e misterios) e O libro da filla.
Un premio que, segundo sinalou o presidente do Casino, Ubaldo Rueda, é de vital importancia para as linguas minoritarias, xa que ser traducidas é un «xeito de existir». As temáticas das novelas son complementarias e un retrato de Galicia, segundo salientou Antón Pedreira.
Virtudes (e misterios) trascende o relato familiar para converterse nunha historia da emigración galega dende unha óptica caleidoscópica: a dos que marchan, a dos que quedan e a dos que andan entre os dous mundos.
Virtudes (e misterios) gañou o premio Blanco Amor do 2019 e Xesús Fraga foi recoñecido como Premio Nacional de Narrativa do 2021 pola historia de emigración da súa familia.
O xurado calificou como moderna e rompedora a novela de Inma López Silva, que consegue algo que non é fácil: atrapar dende a primeira páxina. O libro da filla da autora compostelá foi galardonado co Premio da Crítica de Narrativa Galega no 2020 e nel, segundo o xurado, é complicado empatizar cos personaxes e que se revela como unha homenaxe á liberdade, á cidadanía responsable e ao xornalismo comprometido.
Pola súa banda, Un señor elegante narra a historia da familia Baltar, unha saga de médicos e o Santiago do franquismo. De feito, o xurado subliñou na súa escolla que a novela de Suso de Toro fala dunha Galicia e unha Compostela moi distinta da que ás veces se conta: culta, afouta e solidaria.