Florencio: peculiaridade lingüística

CULTURA

Florencio Delgado Gurriarán.
Florencio Delgado Gurriarán. Consello da Cultura Galega

20 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cómpre insistir na biografía idiomática de Florencio Delgado Gurriarán, a máis peculiar, na miña opinión, do seu tempo. Por que? Daquela (fins do XIX e comezos do XX), os escritores galegos, nados, xeralmente, na mesocracia, escribían na vella lingua do país, na lingua das clases populares, pero falaban na casa (coa muller e cos fillos) en castelán, a lingua do seu estatus socioeconómico (avogados, profesores, funcionarios...). En realidade, as Irmandades da Fala foron unhas Irmandades da Escrita.

En que falaba, na aldea de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), o neno Florencio, nado en 1903, cando tiña catro, cinco, seis... anos? Cos rapaces da parroquia falaba, na eira e no turreiro, en galego, e na casa, no fogar, estrañamente, no mesmo idioma. Por que «estrañamante»? Porque o seu pai, ademais de ser algo rico (propietario de importantes viñedos), exercía a profesión de perito agrimensor, carreira que cursara na Universidad Central (Madrid). Así pois, a condición económica de don Florencio Delgado Prada, pai do neno Florencio, e o seu perfil profesional fan pensar que, na familia do futuro poeta, o idioma habitual sería o castelán. Non foi así. Cando Delgado Gurriarán foi entrevistado en México (ano 1979) pola investigadora Dolores Pla, esta sostén este diálogo co vello exiliado: «—¿Usted o su familia en qué idioma hablaban? —Pues nosotros hablábamos en gallego. —¿En el seno de la familia? —Sí».

Hoxe sábese ben que don Florencio Delgado Prada, perito agrimensor e rico propietario, non militaba na causa da galeguidade daquel tempo, o que converte o seu fogar, galegófono, nun caso filolóxico quizais insólito, un caso, de todos os xeitos, que esixe outros datos para explicalo con total claridade.

Imponse engadir que Delgado Gurriarán foi un autodidacta do galeguismo. De mozote bateu, no seu fogar, co único libro en galego que había na casa: Aires da miña terra, de Manuel Curros Enríquez. Verbo disto, comunicoulle a Dolores Pla que o engaiolou a fasquía popular daqueles poemas. Supoño que se refería ao prodixio do galego vital de Curros, nalgúns aspectos, nunca igualado.