Tiven a sorte de visitar América, dende o norte ata ao sur; e comprobei nestes lugares que a influencia da música celta é real e significativa debido á emigración. Os irlandeses foron portadores das súas historias persoais, dos seus costumes, tradicións e tamén da súa música. Así, estilos coma o country ou o bluegrass americanos son dalgún xeito fillos daquelas músicas irlandesas que co paso do tempo evolucionaron e foron collendo personalidade propia.
Na cidade de Milwaukee, no estado de Wisconsin, no ano 2017, estiven dando unha palestra sobre a música celta, a súa expansión por América e a influencia galega. Nesa palestra había moitos irlandeses que me convidaron a coñecer o centro cultural e patrimonial irlandés da cidade. Saín abraiado por todo o que alí atesouran e provocaba en min unha sa envexa.
Referíndonos á música galega, tamén podemos falar de influencia, sobre todo na América hispanofalante, que foi a onde os galegos emigraron maiormente. Puiden comprobalo en México, onde en certa medida, en torno ao centro galego, fóronse creando grupos de gaitas e de baile que xerminaron derivando no nacemento de bandas de folk como An Bodhran, Gaelia ou Oghan Ensamble, que sen dúbida teñen o seu público.
En Venezuela, e do mesmo xeito, xurdiron propostas folclóricas ben interesantes como a banda de gaitas Xuntanza Fillos de Ourense ou o grupo de folk-pop Gaélica. En Costa Rica, Peregrino Gris con máis de 20 anos de traxectoria; no Brasil, Keltoi, e en Colombia, La Montaña Gris, entre outros.
Pero se queremos falar da verdadeira eclosión da música celta na América do Sur temos que referirnos a Chile, Uruguai e Arxentina, onde a chegada de galegos foi moito maior e onde xerminaron un gran número de propostas, algunhas de excelente calidade.
Así, en Chile temos bandas interesantes como Kaus, cun nivel de interpretación que roza o virtuosismo, ou Riveira, finalistas hai uns anos do concurso Runas do Festival de Ortigueira. No Uruguai Los Casal, Os Williams ou Irmandade son algúns dos exemplos de grupos con raíces galegas que van deixando pegada cos seus traballos de estudo e concertos. Arxentina foi o punto principal deste emerxer do que me considero testemuña polas veces que alí estiven e pola cantidade de amizades que alí teño, mais os detalles vounos deixar para outro artigo.