O encontro Rosalía en Camiño congrega a oito poetas chegados de toda Europa

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle do encontro poético no 2019 no Couto, Ponteceso.
Detalle do encontro poético no 2019 no Couto, Ponteceso. Ana García

Recitais, percorridos guiados polos escenarios xacobeos e rosalianos e presentacións de poemarios conforman o programa desta terceira edición do festival que promove a Casa de Rosalía

30 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Padrón acolle este xoves a inauguración da terceira edición do encontro poético Rosalía en Camiño. Diálogos Literarios Multilingües, xornadas que promoven a dimensión internacional da cultura galega a través de dous argumentos fundamentais, que xa anuncia no seu nome: a figura de Rosalía de Castro e o Camiño de Santiago. O festival desprázase o venres a Santiago e o sábado a Pontevedra.

Nesta entrega participarán oito poetas chegados de toda Europa: María García Díaz (Asturias), Tatiana Faia (Portugal), Jaume Coll Mariné (Cataluña), José F. A. Oliver (Alemaña) e os galegos Constantino Bértolo, Dores Tembrás, Xabier Cordal e Nieves Neira Roca. Na primeira xornada ofrece dúas actividades abertas ao público: unha visita polos lugares rosalianos da Terra de Iria, con saída ás 11.00 horas e guiada polo escritor Manuel Lorenzo Baleirón, e, a partir das 20.00 horas, un recital na Casa de Rosalía.

O segundo día trasládase a Santiago, con percorrido guiado ás 10.00 horas por lugares xacobeos e rosalianos en Compostela, tamén con Manuel Lorenzo Baleirón, e ás 17.00 horas polo Panteón de Galegos Ilustres e o Museo do Pobo Galego, onde se celebrará o recital (19.00 horas). E o terceiro día desprázase a Pontevedra, con visita ás 11.00 horas ao Museo de Pontevedra, cuxo salón de actos do Edificio Castelao acollerá o festexo poético ás 13.00 horas.

O encontro organizado en tres xornadas procura percorrer escenarios xacobeos e rosalianos da Terra de Iria, Compostela e Pontevedra con este grupo de poetas ao tempo que se fan unha serie de accións poéticas multilingües, explican desde a Casa de Rosalía, entidade promotora do proxecto. A vida e a obra da autora de Follas novas permiten establecer dous grandes escenarios literarios e xacobeos intimamente relacionados: Padrón, berce do Xacobeo e de Rosalía; Santiago, capital do Xacobeo e da vida e da obra da escritora; e Pontevedra, un dos fitos do Camiño Portugués.

Alén dos recitais e visitas guiadas polas tres localidades, o festival inclúe a presentación de dous libros: Neve de agosto, de Nieves Neira Roca (Lugo, 1983), e O gran poema, de Tino de Féliz, nome comunal de Constantino Bértolo (Navia de Suarna, 1946), na compostelá libraría Couceiro (este venres, ás 13.00 horas). Son dúas fermosas mostras da infinita variedade e vigorosa saúde da poesía escrita en galego, que simbolizan tamén unha ponte xeracional e que edita o selo Chan da Pólvora. A Fundación Rosalía de Castro vén de editar un libro coas obras e traducións que son suxeito do proxecto desta terceira entrega de Rosalía en Camiño.

As visitas guiadas requiren reserva previa na web da Casa de Rosalía.