
Cinco producións representan á comunidade convidada no encontro manchego
12 jul 2022 . Actualizado a las 05:15 h.O Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, en Ciudad Real, celebra «a forza e o esplendor» do teatro galego, segundo enxalza o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que considera «un orgullo e unha honra» a participación da escena de Galicia —de grande «calidade, diversidade e potencial»— na condición de comunidade convidada. No encontro manchego, que enfronta este verán a súa 45.ª edición e que amosa máis de medio cento de montaxes ata o día 24 de xullo, Galicia cadra con Uruguay —país convidado—, circunstancia que Rodríguez festexou por canto estima que son dous pobos irmáns polo fenómeno da emigración.
O propio director do festival, Ignacio García, subliñou esta «vinculación histórica» que quedou evidenciada, lembrou, no acto dedicado a Uruguay, cando actuou o payador Juan Carlos López, «decimista que improvisa en décimas e hijo de un inmigrante gallego, lo que refleja el parentesco directo en la tradición del verso». García eloxiou a riqueza e amplitude da mostra que achega Galicia, «una propuesta de teatro contemporáneo sobre textos clásicos que ahondan en el pasado de nuestras teatralidades: desde los milagros medievales, las cantigas de Alfonso X o los autos de Gil Vicente, hasta llegar a lo contemporáneo». Unha mirada, recalcou, que se define como «feminista y transversal» e que, di, sintetiza «la creatividad contemporánea gallega» e que ensinará que «el Siglo de Oro es más plural, más mestizo y más plurilingüe de lo que creíamos».

A carteleira galega en Almagro componse de cinco espectáculos. Eclosionou o propio sábado 9 de xullo, no Día de Galicia, no emblemático Corral de Comedias, co espectáculo En trobar xace entendemento, no que Xoán Curiel (voz e guitarra), Bleuenn Le Friec (voz e arpa) e Xosé Lois Romero (voz, acordeón e pandeiro) interpretaron a musicalización das Décimas ao Apóstolo Santiago —corroborando a conexión uruguaia que apuntaba Ignacio García— e unha mada de cantigas de trobadores. Unha liña que segue heterodoxamente a montaxe de Producións Excéntricas Estrela do día, un texto de Quico Cadaval que dirixe Marcos PTT Carballido e que xoga coas Cantigas de Santa María de Alfonso X e os seus misterios sacros, «a cuxa beira —razoa Cadaval— floreceu a farsa de bufóns e comediantes, servíndolle de espello ao prodixio. Un espello deformante e esclarecedor. As boas xentes do teatro demostraron que a Sagrada Señora era humana, demasiado humana».

A presenza galega complétase con tres coproducións ao amparo do Centro Dramático Galego. La Toffana (13 de xullo), escrita pola novelista barcelonesa Vanessa Montfort a partir do xuízo histórico no Tribunal do Santo Oficio de Roma, no século XVII, contra unha acusada de facilitar veleno a outras mulleres para se desfacer de seus homes; A barca do Inferno (día 20), sobre a obra homónima de Gil Vicente; e Arte sen guión (22 e 23), que indaga a posibilidade da existencia dun teatro medieval en galego do que non existen obras escritas.