Quique Peón dirixe a peza de danza que percorrerá toda Galicia
22 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Endaterra lévase xestando tres anos nos que o director, Quique Peón, construíu toda unha historia baseada nun feito real, a peregrinación dunha dona inglesa e a súa doncela galega a Santiago a comezos do século XX. O espectáculo vai percorrendo de forma figurada as etapas da peregrinación centenaria: de Londres a Coruña, logo a Compostela e, por último, ata a Costa da Morte.
Xacarandaina xa levara aos escenarios galegos O camiño do Sul, centrado no camiño dende Portugal. Desta volta, coincidindo co Xacobeo, fixáronse no Camiño Inglés e no de Fisterra-Muxía.
Onde irá endaterra
Espallando o espectáculo. A primeira posta en escena terá lugar mañá ás 22.15 horas no pavillón de deportes de Fontenla, Santa Comba, pero percorrerá os concellos de Negreira, Dumbría, Oroso, Abegondo e Culleredo: «partimos da cerna de Endaterra, que está nos concellos destas dúas rotas, para logo ir ao resto do país e logo, máis alá». Comezarán en pavillóns, polideportivos e vilas e logo pasarán a actuar nos teatros das cidades galegas.
«A intención é espallar o espectáculo por Galicia primeiro e logo ir máis alá», explica o director e coreógrafo. A mellor maneira de divulgar que coñece Peón, quen ademais foi un dos fundadores de Xacarandaina en 1978 cando apenas era un adolescente, é sobre o escenario.
Virtuosidade técnica
80 persoas en escena. «Comezamos a preparar o espectáculo antes da pandemia, houbo momentos de restricións en que xuntarse fisicamente non era posible e noutros en que acababas podendo xuntar catro persoas como moito. Dende iso até chegar os oitenta artistas do espectáculo, pois imaxina o puzzle que houbo que facer», explica Peón. Foron inicios difíciles para poñer en marcha un espectáculo híbrido que reúne diferentes disciplinas e 80 artistas baixo os focos.
Para el, a principal complicación foi dar co material etnográfico co que construir o espectáculo. A documentación empregada forma parte do arquivo recollido durante máis de 40 anos polo grupo demúsica e baile tradicional Xacarandaina: «Resultou complexo recoller elementos, trazos, cuestión características dos 18 concellos polos que transitan o Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra-Muxía e darlle unha unidade e unha identidade conxunta ao espectáculo».
«O baile galego entra axiña no corazón de todo o pobo. É colectivo, transversal e responde ás emocións»
Xacarandaina quere demostrar que a música tradicional galega é universal. Á pregunta de se as crianzas seguen aprendendo baile galego, o coreógrafo e bailarín responde: «o baile galego entra axiña no corazón de todo o pobo. É colectivo, transversal e responde ás emocións».
Proba disto é que máis de 600 persoas de todas as idades participan nas actividades da asociación, dende os catro ata os 80 anos. Engade: «O folclore interesa a todo o mundo porque conecta directamente co ADN das persoas»