12 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Canto máis leo os poemas de Luz Pozo Garza (1922-2020) máis me convenzo de que é unha voz, no mapa literario de Galicia, insólita, singular. Xa nos primeiros libros demostrou que non era —ou non parecía— unha poeta deste mundo, idea que apuntei nunha conferencia na Cidade da Cultura (Santiago), á beira da magnífica mostra bibliográfica e iconográfica ideada e realizada pola profesora Olivia Rodríguez González, a estudosa da súa obra que viviu máis tempo preto dela. Ignoro cantas persoas teñen visitado esta exposición literaria e que repercusión vai ter no coñecemento e espallamento da poesía da singular autora. Non sendo eu crítico con este tipo de mostras, teño a idea de que, no esencial, alimentan o saber e a curiosidade dos eruditos e dos que, previamente, xa eran lectores das páxinas dos protagonistas destas exposicións.

Sirvan estas liñas de limiar a unha cuestión pedagóxica —de pedagoxía literaria—- que tamén se debateu nunha das actividades da Cidade da Cultura verbo da obra poética de Luz Pozo Garza. Na sesión eu propuxen que cumpría elaborar antoloxías moi breves dos poetas, mesmo dos máis coñecidos, sen excluír nomes como os de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro. Naquela ocasión, eu lembrei que, no ano 1953, don Ramón Cabanillas, no café Lyon d’Or de Madrid, aleccionounos, a uns cantos mozos novos, con esta proposta: «Se facedes unha antoloxía dos meus poemas, que non pasen dunha ducia». Crin e creo que don Ramón esaxeraba, pero orientaba, no fundamental, o debate. Quizais no caso de Luz Pozo, como suxerín en Santiago, a escolma non debería exceder de 30 ou 40 poemas, pese ó número non escaso dos seus libros. É o que teño proposto para outros grandes poetas contemporáneos como Antón Tovar, Víctor Campio Pereira, Fiz Vergara Vilariño e Arcadio López-Casanova.

Son as antoloxías que hai que ofrecer nos centros escolares aos alumnos de secundaria, pois nesas aulas está o futuro da lectura. Nese universo escolar, sería antipedagóxico e inútil aconsellar varios libros dun autor e, aínda máis, a súa opera omnia, agás a do poeta Mendiño.