20 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Waldino Varela, un dos homes máis representativos da clase obreira galega no franquismo (a consciente da súa condición proletaria), deixounos o pasado 10 de agosto, pouco despois de facer 92 anos. Con catorce xa traballaba no estaleiro de Vulcano, e antes, en labores particulares, o que nos leva a pensar que a súa instrución académica, na estreita e catolicoide escola franquista dos primeiros anos da posguerra, foi cativa. Pero Waldino, xa de novo, doutorouse na escola da vida e do traballo duro e mal pago, escola na que foi un prodixio de intuición e experiencias leccionadoras, que puxo, durante décadas, ao servizo do PC e das Comisións Obreiras. Deixounos Waldino cando este partido e este sindicato están a preparar importantes actos sobre a histórica folga, en Vigo, de setembro de 1972.

Mans amigas puxeron nas miñas, hai pouco, a fotocopia dun documento policial extraordinariamente importante. Elaborado en novembro do 72 pola Dirección General de Seguridad (Madrid), titúlase Informe Especial. Asunto: Vigo. Conflicto laboral de marcado matiz político. Consta de 23 folios, moitos dos cales rexistran, policialmente, uns cento cincuenta nomes, entre detidos e traballadores en «ignorado paradero», un deles Waldino Varela, «de 42 años de edad, hijo de Santos y Eladia, casado, tornero, domiciliado en Travesía de Vigo, 166». De Carlos Núñez, un dos decisivos dirixentes políticos —tamén no mesmo apartado— achégasenos o pseudónimo clandestino: Rubén.

Consignados ou non nestes listados policiais, houbo decenas de traballadores manuais (e algúns profesionais) que deberían figurar nos anais das grandes loitas obreiras españolas do século XX: Juan Bacariza, Carlos Barros, Juan Benavides, Luís Ferreiro, Antonio Figueroa, Elisardo González López, Isidro Gómez, Hixinio Leirós, Carlos Núñez, Xaniño... Non foi secundario o papel das mulleres: Pilar Jiménez, Pilar Pérez Rodríguez, Margarita Rodríguez Montes... e unha mozota de 16 anos, Antía Cal Atán. Fóra do ámbito do Partido, emerxía unha forza interesante, Galicia Socialista (Camilo Nogueira, Paco Lores, Joaquín López Facal).