O teatro sobe o fútbol ao escenario para amosar a súa cara oculta

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

A coprodución do CDG e Ainé estréase o día 29 en Santiago e logo terá xira

21 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O balón chega ao escenario en Recortes, caneos e outras formas de driblar para amosar a cara oculta do fútbol. A coprodución teatral do Centro Dramático Galego (CDG) e de Ainé Producións, que se estreará o próximo día 29 no Salón Teatro de Santiago e logo fará xira por Galicia, recreará un partido para retratar a xogadores, adestradores, xornalistas, árbitros, directivos e seareiros. «É unha obra para a xente que ama o fútbol, pero tamén para os que non o aman tanto ou non lle gusta», afirmou Tito Asorey, director desta montaxe que abre a temporada da unidade da produción teatral da Xunta.

Esta cara oculta do fútbol amosarase «a partir de historias pequenas, do que non se soe falar, que ninguén agarde un Fifagate», afirma Nacho Carretero, autor do texto no que se basea a peza e que tamén se converterá nun libro. O espectáculo, que foi presentado no campo de Villestro (Santiago), «ten un formato moi musical, con moita música en directo, con moita coreografía, con comedia e con emoción. Vaise pasar da gargallada á emoción», profunda o director, Tito Asorey.

O particular cadro de xogadores que «suará a camiseta desde o minuto un, para que sexa un espectáculo con moita forza e cunha mensaxe moi potente», estará conformado por Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta. Pero non é só fútbol. «É moito máis ca iso, trata de nós mesmos. É unha obra sobre as paixóns. Invito a gozar da peza, a emocionarse coas músicas, a vivir o teatro e o fútbol», afirmou Isabel Garrido, a única muller integrante deste particular equipo de fútbol que subirá ás táboas. Precisamente, o actor Xosé A. Touriñán incidiu nesta última consigna e, un pouco a modo de brincadeira, afirmou: «Moi mal o temos que facer para que a xente non o pase mellor que neses partidos que rematan con empate a cero e te aburres moitísimo».

O espectáculo que se estreará o vindeiro xoves 29 poderá verse ata o día 23 de outubro de mércores a domingo no propio Salón Teatro, sede do CDG. Posteriormente, iniciará unha xira ata principios de febreiro que o levará por Carballo —para clausurar o festival FIOT—, Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Vilagarcía de Arousa, A Coruña e Ferrol. As entradas xa están á venda a través de Ataquilla.com e da web recortes.gal.

Na busca de novos públicos

O director da compañía teatral pública de Galicia, Fran Núñez, resaltou que esta coprodución supón alcanzar lugares «aos que o CDG non chegara» e lograr que «xente que, ao mellor non está interesada, a priori, no teatro, veña porque está interesada no fútbol». «O CDG —incidiu Núñez— é a casa de todos, nesa casa non sobra ninguén e queremos que participe todo o mundo. Para nós é unha oportunidade tremenda poder traballar cun novo formato de produción para facer un espectáculo potente, que fala do presente». Tamén o director da axencia autonómica Agadic, Jacobo Sutil, puxo o acento na alianza do fútbol e o teatro para abrir o curso «cun equipo de primeira que estará enriba do escenario». As outras dúas producións da temporada do CDG serán Shakespeare en Roma e Un hotel de primeira sobre o río. Prevense máis de 110 funcións en total.