
O artista Francesc Torres presentou o pasado 22 de setembro no CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) dous libros: Crebas, que reflicte o contido da mostra do mesmo título que acolleu o propio CGAC no ano 2020, e La campana hermética, que, facendo referencia a unha peza que formaba parte da exposición, é, ao tempo, unha biografía do autor e unha crónica do acontecer histórico e artístico do tempo que lle tocou vivir.
Francesc Torres (Barcelona, 1948) residiu en París nos días do maio do 68, en Chicago e en Nova York, a cidade máis importante para el dende o punto de vista vital e artístico.
Unha mañá de verán, no interior do templo de Santo Estevo de Ribas de Miño, Francesc Torres tivo unha revelación. Rodeado da harmonía do románico, cando o sol entrou a través da fiestra da ábsida e pousou no chan, el exclamou: «¡Quiero ser gallego!». E dende entón porfía nese obxectivo.
Crebas, publicado polo CGAC, responde á exposición, pero a publicación non é exactamente un catálogo. El defende a oportunidade que cada proxecto expositivo lle ofrece para publicar un libro, e di libro e non catálogo porque estrutura, contidos e maqueta responden máis ao formato e estética do libro que ao habitual das publicacións que fan inventario do contido dunha exposición. Crebas reuniu no CGAC unha ampla mostra do seu traballo ao longo de medio século, incluíndo as que el denomina cinco pezas galegas, porque aquí naceron: Art Degree Zero; Cultura; Desde el acantilado; Sofia y el abismo e TIPO I (en la escala de Kardashov). Hoxe, todas forman parte da colección do CGAC. Xa antes, no 2016, Terry Berkowitz e el realizaran para o Museo do Pobo Galego o proxecto Parábola da abundancia, sobre o traballo das mariscadoras.
O libro Crebas inclúe textos do propio artista; da comisaria da exposición, Rocío Figueroa; de Juan José Lahuerta; de Francisco X. Fernández Naval; e unha conversa co director do museo, Santiago Olmo.
Pero se interesante é Crebas, non o é menos La campana hermética, que toma o título da instalación ou artefacto, tan simple e tan complexo, no que Torres se conta a si mesmo e que forma parte da colección do MACBA.
Aínda que recoñecido como artista conceptual, parte dunha xeración que inventou a instalación multimedia, fotógrafo, escultor ou videoartista, Francesc Torres sabe o que é escribir e a literatura sempre lle foi próxima.
O resultado deste saber é La campana hermética, memorias nas que non só nos aproxima á súa biografía, senón que nos explica boa parte do camiño percorrido pola arte e os artistas ao longo de cincuenta anos; de como a instalación multimedia accede ao museo e, ao tempo, dadas as preferencias temáticas de Francesc, nos permite asomarnos de maneira privilexiada á fiestra da historia contemporánea, dende o maio do 68 aos atentados do 11S en Nova York.
Velaí a vida, ou as crebas de Francesc Torres, que xa nos di no libro que: «Sin arte hay vida, aunque sea aburrida, pero en cambio parece evidente que sin vida no hay arte».
La campana hermética, publicado pola editorial catalá Catedral, é unha invitación á reflexión, pero sobre todo, a non aburrirnos, porque Francesc Torres nestas memorias, lúcidas e retranqueiras, consegue atrapar a curiosidade e a atención de quen se achegue a esta crónica que esperta a curiosidade e o interese pola arte contemporánea.